Viveiro lembra a Balbino Cerdeiras, o último alcalde republicano da cidade

A celebración do Día da República incluíu, con once anos de retraso, a colocación no paseo fluvial da praca co nome do rexedor fusilado. A Asociación de Amigos de Regal Xunqueira promoveu o acto, no que houbo mensaxes de recuperación da memoria histórica e recordo aos represaliados

paseo alcalde cerdeiras en viveiro JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Asistentes ao acto, no inicio do paseo do río Landro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Foi no 2007 cando o pleno de Viveiro acordou outorgar o nome do alcalde Balbino Cerceiras, fusilado en Lugo o 12 de maio de 1937, ao paseo do río Landro pero non foi ata este sábado cando a praca se colocou a iniciativa da Asociación de Amigos de Regal Xunqueira. Foi nun acto de conmemoración do Día da República ao que acudiron familiares de Cerdeiras, a corporación municipal e veciños e no que os intervintes trasladaron unha mensaxe de recordo aos represaliados e necesidade de reparación.

«Tiveron que transcorrer 87 anos para que fixeramos un acto democrático en recordo do último alcalde republicano de Viveiro, un alcalde case desaparecido da historia e con el toda a corporación municipal e as máis de cen vítimas de Viveiro e arredores», dixo o cronista oficial, Carlos Nuevo Cal, quen abogou por que «as vítimas teñen que ser reparadas, non olvidadas nas cunetas. Hai que cuantificar o número de mortos e mortas», dixo, pois «toda esa xente ten que recuperar a dignidade. En moitos casos eran membros do goberno legalmente establecido e noutros veciños e veciñas que tiveron o único delito de defender a legalidade republicana e democrática», aseverou Nuevo Cal, para engadir que tamén «hai que retirar dos espazos públicos tódolos símbolos da ditadura».

O cronista contextualizou a época histórica na que Cerdeiras, militante do Partido Galeguista, foi elexido alcalde de Viveiro coa Fronte Popular en febreiro do 36. El e o seu goberno «fano moi ben, teñen pouco diñeiro pero van a Madrid —onde coñecen a outros viveireses—, móvense polos ministerios e conseguen obras, entre elas o muro de defensa de Covas. Foi un grupo moi activo e moi interesante», di o cronista, quen lembra de cando comezou a investigar os anos republicanos en Viveiro «a devoción que tiña a xente maior por el, que o recordaba como un alcalde totalmente aberto, franco, asequible e sobre todo incorruptible».

O cronista abogou por identificar ás vítimas da represión, «que teñen que ser reparadas e non olvidadas nas cunetas»

Tralo golpe militar o alcalde Cerdeiras foi detido e encarcerado. «Ten un problema familiar gordo porque ten un fillo que morre sen ver no cárcere —onde fixo dúas folgas de fame— e entra nun estado realmente lamentable porque é o último que fusilan dos de Viveiro. Xa fusilaran aos seus compañeiros e el queda só, sabe o que lle espera e acaba toleando», explica. Cando lle deron morte tiña 33 anos.

Dende o colectivo impulsor da homenaxe, Alfonso Otero Regal lembrou que teñen instalado outras pracas en reivindicación dos valores da II República e en memoria dos represaliados, e coincidiu con Nuevo Cal na necesidade de reparación. «Un pobo que esquece a súa historia está condenado a repetila. Resulta ser de xustiza o recoñecemento ás persoas que foron inxustamente masacradas. A memoria histórica de Viveiro segue a brillar pola súa ausencia e estar contra a Lei de Memoria Histórica é unha sinrazón porque a xente ten dereito a que se recoñeza aos seus antepasados que están nas cunetas, que se saiba que loitaron pola liberdade», dixo.

A alcaldesa, María Loureiro, descubriu a praca mentres o gaiteiro David Bellas interpretaba o Himno Galego. A rexedora sinalou despois que «é unha honra poder inaugurar este paseo co nome de Balbino Cerdeiras e recoñecer a súa loita polos dereitos e liberdades, así como a de todos aqueles veciños e veciñas que morreron de forma inxusta».

Comentarios