Viveiro continúa con actuacións de oficio para limpar leiras en abandono

A nova execución subsidiaria será nun terreo con inmoble en Covas ao non poder notificar aos donos

Zona de Pallaregas, en Covas. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Zona de Pallaregas, en Covas. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Concello de Viveiro ten en trámite medio centenar de expedientes de orde de execución cos que require a limpeza de leiras en chan urbano aos seus donos e cando non consegue notificalo ou se descoñece a propiedade actúa de oficio como anunciou hai uns días nunha propiedade de Celeiro e como notifica agora con respecto a outra no barrio de Pallaregas, en Covas.

Unha resolución da alcaldía acorda a execución subsidiaria da realización de obras nunha leira con inmoble despois de non poder notificar o procedemento aos seus titulares catastrais. As actuacións consisten na "roza e limpeza do terreo de arbustos, folgueiras, etc. con medios manuais (rozadora e motoserra), incluíndo a retirada e eliminación da vexetación resultante". O anuncio tamén di que "de ser o caso, deberase retirar calquera elemento impropio do medio rural que puidese existir na leira, para evitar riscos de inundación, erosión, incendio ou calquera outro risco de catástrofe ou simple perturbación no medio ambiente".

Os interesados teñen o expediente á súa disposición no servizo de Urbanismo do Concello de Viveiro, entidade que en todo 2018 iniciou 125 expedientes: 50 en chan rústico, 70 en urbano e cinco correspondentes a ordes de execución subsidiaria.

Comentarios