Viveiro contabilizou danos da riada en 34 vías, 11 pontes ou 40 vehículos

O Concello decreta a suspensión da actividade madeireira nas zonas afectadas mentres non se emendan os danos nas pistas e mellorará a sinalización na Carreira

Un puente derribado. J.Mª ÁLVEZ
photo_camera Unha ponte derrubada. J.Mª ÁLVEZ

O Concello de Viveiro está inmerso na realización dun balance con todos os danos que provocaron as choivas torrenciais do domingo, "que foron moitos e moi dispersos" segundo apunta a alcaldesa, María Loureiro. A falta de terminar de solicitalos e coñecer exactamente cantas vivendas afectadas hai -serán varias decenas-, avanza que levan contabilizados 24 viarias, 10 rúas peonís, 17 estruturas públicas -das que 11 son pontes-, ou 40 vehículos.

A rexedora convocou unha reunión con técnicos municipais, Policía Local e Protección Civil para facer unha posta en común dos danos detectados por cada servizo e determinar os pasos a seguir para liquidalos. Na análise de incidencias delimitaron tres áreas de intervención segundo a gravidade das desfeitas producidas e estableceron o "nivel vermello" para os barrios da Carrapota e Xunqueira, onde se viron seriamente afectadas vivendas -algunhas familias aínda non puideron regresar a elas- e faleceu unha veciña.

No balance provisional figuran danos en 10 rúas peonís do centro histórico e noutros 24 viarios tanto da área urbana de Viveiro, Covas e Xunqueira como de zonas rurais. En canto a edificacións ou estruturas públicas resultaron afectados cinco pontes desde A Carrapota ata o hórreo de Xunqueira, dous na Carreira e os de Campo de Verdes, Cabandela, Os Muíños e Cruz da Rocha; ademais da fonte de Area, o lavadoiro de Campo Urraca, os xardíns de Pontelabrada, o colexio vello de Covas, o hórreo de Xunqueira ou o cemiterio de Altamira.

A riada tamén afectou a mobiliario urbano, a servizos como a iluminación pública de Xunqueira, a subministración de augas ou a rede de sumidoiros; a comercios -máis de 50- principalmente en Pastor Díaz e Avenida de Galicia; a outras edificacións como a estación de bus, a capela do Ecce Homo ou o convento de Valdeflores, e a 40 vehículos: 27 turismos, 5 caravanas, 2 cuadriciclos, 1 ciclomotor, 3 tractores e 2 remolques.

O Concello, que reforzará a sinalización por motivos de seguridade en lugares como A Carreira, tamén acordou tomar "as medidas cautelares necesarias nos viais afectados con respecto á saca de madeira", debido ao actual estado de conservación dalgúns viarios e a que hai maderistas traballando nestas pistas. Por iso emite un decreto para "suspender esta actividade nas zonas afectadas mentres non se arranxen".

COLABORACIÓN. Doutra banda o Concello solicitou ao delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, un camión cisterna para desatascar a rede de sumidoiros, que teñen lodo, e este confirmou que "a partir da próxima semana se porá a disposición do Concello o vehículo solicitado". A Deputación tamén se puxo a disposición do Concello e o ente local pediu un técnico que xa traballou xunto aos municipais na valoración dos danos, no que continuarán a próxima semana.

O Colexio de Avogados ofrece asesoramento
O Concello recibiu ofrecementos de colaboración por parte de entidades como o Ilustre Colexio de Avogados de Lugo, que está disposto a prestar asesoramento legal aos afectados a través do seu servizo gratuíto de orientación xurídica en materia de vivenda, que ten como obxectivo 
"crear as canles de información necesarias para evitar que persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda ou consigan un inmediato realoxo en inmobles a disposición da Xunta ou ou acceso a axudas para o aluguer". Os afectados poden contactar no 982.24.10.07 ou no correo [email protected]

Segundo o Concello, o Colexio tamén ofrece asistencia da quenda de oficio por se fose necesario realizar reclamacións xudiciais.

Comentarios