miércoles. 15.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 15.07.2020
El tiempo

Os vivarenses queren que o Casino sexa un centro público e con actividades

Unha das vistas ao Casino vivarense. ANTÍA
Unha das vistas ao Casino vivarense. ANTÍA

O concello estuda alternativas para a leira, pero Portos require que os usos do edificio teñan relación co mar

O abandono que padece o Casino de Viveiro Club Náutico desde o seu peche a principios deste ano apena aos vivarienses, que observan o acelerado declive dunha das zonas máis privilexiadas da cidade do Landro. Para ela, os propios veciños propoñen a creación dun centro público de actividades, eventos de todo tipo ou incluso unha discoteca.

Raquel García Díaz: Debería dar cabida a todos e ser público, con actividades para nenos e maiores, a cuberto e ao aire libre

Novos e algúns maiores propoñen a creación dunha sala de festas no edificio. Laura Rodríguez Seijas apunta que así se evitaría o botellón que se monta os fins de semana na contorna do hípermercado Gadis. "A Viveiro fáltalle unha discoteca grande ou algo recreativo, o que permitiría aproveitar o inmoble", apunta. Elvira Martínez Pernas súmase a este parecer, porque cre que os mozos necesitan unha sala de festas. "É un sitio onde non molestaría aos veciños e se fan actividades para os maiores, mellor. Bótanse en falta".

Jaime Pernas: Tería que ser un centro multiusos para congresos, charlas e sala de exposicións, ademais de usar as pistas

O lecer é a elección de Lorena Vizoso, quen aposta por un centro con actividades para nenos. "Non hai nada e calquera cousa viría ben, se é a cuberto mellor, porque no inverno non hai onde ir". Raquel San José prefire un centro de eventos, tanto institucionais como particulares, de colectivos, para vodas, congresos ou conferencias.

GANDO AO MAR. A área gañada ao mar para a creación do edificio que albergou a sociedade languideceu nos últimos anos e agora ábrese o proceso de liquidación tras solicitar o concurso voluntario.

O Concello de Viveiro estuda alternativas para xestionar a zona, na que pretende conservar as pistas de tenis e pádel. En pleno expúxose cubrilas para que poidan ser utilizadas todo o ano. O propósito municipal pasa agora por integrar a zona dentro do centro histórico, dado que está situada na periferia das antigas murallas da cidade. A alcaldesa, María Loureiro, desvelou que os técnicos municipais xa elaboran un proxecto, que incluiría tamén unha área recreativa e unha chaira grande para aparcadoiro e concertos, que ademais permitiría a celebración do mercadillo quincenal.

Heronides Bouza González: Gustaríame que volvese haber as actividades que tiña como Casino, desde canto a comidas ou bailes

Tanto os terreos como o inmoble reverterán a Portos de Galicia unha vez que conclúa a liquidación dos seus escasos bens, o pago das débedas e aos acredores. De feito, xa dispuxo o corte da subministración eléctrica a fin de non incrementar a factura dos gastos pendentes.

Rosa Díaz Vigo: Que sexa algo social, para compartir toda a xente do concello, porque está nun sitio privilexiado

O club de vela creado recentemente para impartir cursos durante o verán e con sede no porto deportivo presentou no pasado mes de abril unha oferta económica para poder aproveitar o material relacionado con este deporte que posuía a entidade.

Antonio José Masafret: Se llo queda o Concello habería que aproveitar as pistas deportivas e os salóns con actividades culturais

Á hora de cobrar ten preferencia o administrador concursal polo seu traballo de xestión, seguido da Administración pública, a banca e os subministradores de diferentes servizos. O despedimento dos dous traballadores que quedaban na entidade —outro conseguiu unha saída negociada tras varios meses sen cobrar o salario— correrá por conta do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa).

Os vivarenses queren que o Casino sexa un centro público e con...
comentarios