Un verán sobre as ondas do mar

As clases de surf e vea son unhas das actividades máis demandadas na Mariña por nenos e adultos durante a época estival
Varias personas practicando vela con la escuela del Real Club Náutico de Ribadeo. PALEO
photo_camera Varias persoas practicando vela coa escola do Real Club Náutico de Ribadeo. PALEO

Os deportes acuáticos son unha opción de lecer perfecta para o verán, faga ou non sol. A escola de surf Hola, Ola! e a escola de vela do Club Náutico de Ribadeo aproveitan estas datas para ofrecer cursos dirixidos a persoas de todas as idades, aínda que non só coa intención de divertir, senón tamén de formar.

Estas dúas escolas deportivas teñen a súa sede central en Ribadeo, aínda que os alumnos de Hola, Ola! practican na praia barreirense de Coto ou na praia de Penarronda, no Occidente asturiano. Ambas as iniciativas comparten a idea de introducir nestes deportes acuáticos de base a calquera interesado tanto no verán como no inverno. Non hai unha idade establecida para facer surf, pero tampouco para aprender a navegar a vela.

Hola, Ola! imparte clases na praia de Coto, en Barreiros, e en Penarronda, en Castropol

A escola de Hola, Ola! é pioneira en dar clases de surf na Mariña. Do mesmo xeito que a tenda do mesmo nome, esta academia nace no ano 2000. Por aquel entón as actividades desenvolvíanse entre a praia de Lóngara, en Barreiros, pola mañá, e a praia de Penarronda, en Castropol, polas tardes. "Encántame este deporte e quería promover a súa aprendizaxe na Mariña", explica o seu creador, David Martínez. Agora, e pasados máis de vinte anos de traxectoria, é unha das escolas de surf máis consolidadas da comarca e do Occidente asturiano.

Surf en Ribadeo (A Mariña)Cada curso desenvólvese en grupos reducidos para garantir un mellor aprendizaxe. Se o alumno empeza desde cero, un monitor encargarase de explicarlle como colocarse na táboa, como remar, a analizar as condicións do mar e do vento ou a porse de pé sobre a táboa.

Todo paso a paso, de xeito detallado e con prácticas na auga. Ademais, os monitores de Hola, Ola! fan demostracións na area de como executar cada paso, axudan a conseguir o propósito de calquera surfeiro: porse de pé na táboa sobre o mar, e dan coñecementos básicos de como se forman as ondas segundo o vento, as correntes e a fase lunar.

TRAXECTORIA. Un camiño parecido segue a escola de vela do Real Club Náutico de Ribadeo. A súa traxectoria educativa remóntase a moitos anos atrás, pero a actual directiva puxo en marcha, nos últimos meses, unha aposta decidida por potenciar a escola de vela co fin de volver contar cun equipo de competición. Para iso reforzouse o número de monitores para que ningunha persoa quede fóra das clases. "Os rapaces que antes estaban nos cursos, agora son quen os imparten. Temos catro monitores pola mañá e tres pola tarde", di o director da escola, Alberto Rodríguez.

O Club Náutico reforza a súa aposta coa vela co fin de crear un equipo de competición

Non fai falta saber surfear ou coller un temón para asistir a estes cursos. Os monitores de ambas as escolas adáptanse ao nivel de coñecementos de cada persoa, polo que ofrecen clases de iniciación desde cero, como de niveis intermedios ou de perfeccionamento. Antes de pór un pé na auga coa táboa ou sobre un barco, ofrecen nocións básicas de seguridade "para evitar perigos ou coller teimas que poidan ser perigosas no futuro", manifesta Alberto Rodríguez.

Na escola de vela contan con diferentes embarcacións en función do nivel do alumno. Quen empezan de cero navegan nun bote colectivo, onde caben ata seis persoas, e entre as que se inclúe un monitor que lles vai explicando o funcionamento. Aqueles que teñen nocións básicas, navegarán en pequenas embarcacións, da clase optimist, e o monitor daralles as instrucións pertinentes desde outra embarcación situada á beira.

A escola conta tamén con dous botes vaurien, onde poden navegar dúas persoas, unha embarcación de vela latina, tradicional de Ribadeo, e unha embarcación de cruceiro de regatas, ademais de táboas de windsurf.

O Náutico ten distintos barcos segundo o nivel do alumno

Cada clase ou curso inclúe o material no prezo. En Hola, Ola! as tarifas varían en función dos días que se queira acudir e, nelas inclúese a táboa de surf e o neopreno, polo que contan con diferentes tallas e tamaños para adaptarse, da mellor forma posible, aos alumnos.

En cambio, no curso de vela, que comprende un total de 20 horas divididas en catro horas ao día, o prezo varía en función de se se é socio ou non do Club Náutico de Ribadeo. Para realizar estas actividades é necesario reservar praza, xa sexa nos propios lugares onde se desenvolven, ou na páxina web de ambas as entidades.

Hola, Ola! ofrece a quen desexen asucar as ondas sobre a táboa clases soltas de dúas horas de duración, en horario de 10:00 a 12:00, de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas, de luns a domingo. A escola de vela do Náutico imparte os seus cursos en dúas quendas de catro horas, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, de luns a venres.

Vela en Ribadeo (A Mariña)NON SÓ NO VERÁN. Os veráns adoitan ser a estación do ano na que ambas as escolas están ata os topes aproveitando a calor, o tempo libre e as vacacións, pero tamén continúan co seu traballo o resto do ano con ofertas para aquelas persoas da zona que queren seguir formándose durante os doce meses.

Desde a escola de vela do Náutico precisan que para formar un equipo de competición é necesario "contar con xente que lle guste e que practique con regularidade todo o ano". Para facilitar a asistencia, fóra da tempada estival exponse cambiar os cursos de 20 horas por horas soltas de navegación durante a semana ou fins de semana, a disposición dos interesados.

Pola súa banda, Hola, Ola! traslada a súa escola ao Occidente asturiano durante o inverno ao ser a praia de Penarronda unha zona "con máis mar e mellores condicións meteorolóxicas, o que fomenta a formación de ondas", indica Martínez, aínda que manteñen os mesmos horarios e tarifas que no verán.

SEGURIDADE. Na mar sempre hai que ir con os ollos ben abertos, polo que son moi importantes aqueles aspectos relacionados coa seguridade, como as condicións do mar e do vento. "á hora de facer surf hai que sentirse a gusto", recomenda Martínez. "Non hai que buscar ondas máis grandes do alcance de cada persoa nin afastarse de onde está o resto de surfeiros".

Ao facer surf hai que coller ondas adaptadas a cada persoa

Na vela o protocolo é parecido. Os ventos sempre serán un amigo á hora de navegar, sobre todo nunha zona como a ría de Ribadeo, onde adoitan ser variables. "Tamén hai que ter en conta as correntes, así como estar pendentes dos tesóns en marea baixa", indica Rodríguez. Navegar pola ría este mes de agosto, con mareas vivas, é un auténtico luxo.

Do mesmo xeito que calquera escola, non só céntranse en dar clases de vela ou de surf, senón que en Hola, Ola! engloban actividades como o paddel surf ou o wakeboard e no Náutico pódese practicar o wind surf.

Outras opcións
Unha ampla oferta
Ao longo da comarca o surf é unha actividade consolidada durante o verán. é por iso que ao longo de toda a costa pódense atopar diferentes escolas de surf coas que iniciarse neste deporte.

A praia de Coto, en Barreiros, onde se atopa a de Hola, Ola! é unha das máis concorridas, xa que nela tamén se atopa A Academia do Surf de Barreiros. Ademais desta praia, este municipio mariñán é o máis escollido polos sufistas para practicar este deporte. Deste xeito, na contigua praia de Lóngara, Sensación Surf imparte clases aos interesados.

Barreiros non é o único espazo no que dsifrutar e aprender dunhas agradables clases de surf. Son moitas as praias da Mariña en ás que se ofrece esta oferta como a praia de Esteiro, en Xove, característica pola presenza de surfeiras todos os días, a praia de Peizás en Foz, considerada unha das mellores praias para parcticar este deporte, ou diversas praias de Viveiro onde se atopa a escola Osíxeno ou Viveiro Surf Escola.

Máis actividades
No verán os deportes acuáticos son os protagonistas das xornadas de lecer de mozos e maiores. é por iso que, ademais das clases de surf e de vela, son moitas as opcións que se reparten ao longo da comarca.

Os paseos en kaiak e moto son as máis demandadas. Tanto Ribadeo como Foz e O Barqueiro ofrecen rutas en kaiak polo río Eo, a ría de Foz e a ría do Barqueiro reservando praza con anterioridade. En canto ás motos de auga, o Club Náutico de Ribadeo é o encargado de ofrecer rutas pola ría de Ribadeo, Rinlo e incluso ata a praia das Catedrais, ademais de rutas personalizadas e aluguer de motos para persoas con titulación.

Ademais, Maremasma ofrece diferetes actividades como mergullo, surf, snorquel ou vea por toda A Mariña lucense.

Comentarios