A costa lucense mantense en alerta amarela

O temporal deixou ventos de máis de 135 quilómetros en Viveiro este sábado

Viento en Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Vento en Viveiro. J. ÁLVEZ (ARQUIVO)

A comunidade sufriu este sábado choivas copiosas que chegaron a superar os 120 litros por metro cadrado.

Segundo os datos recolleitos por Meteogalicia, os ventos alcanzaron os 135,5 km/h en Penedo do Galo, en Viveiro. Tamén en Cedeira rexistráronse valores moi elevados, con até 114,9 km/h en Punta Candieira, moi próximos aos que se alcanzaron en Vimianzo, 112,1 km/h, en Xesteiras, Cuntis, de 110,7 km/h ou en Lousame, de 103,8 km/h. 

Precisamente, esta última localidade, o municipio coruñés de Lousame, foi a que rexistrou a maior precipitación acumulada, con até 127,4 l/m2, seguida de Fornelos de Montes, con 74,0 l/m2 e Santa Comba, con 68,5 l/m2. 

O observatorio meteorolóxico galego informou de que estes valores obedeceron ao paso dunha fronte moi activa que deixou Galicia unha situación meteorolóxica complicada por temporal de choiva e vento en terra e mala situación no mar, merecedora dun adverso laranxa costeiro, como se observa no vídeo gravado en Muros. No entanto, na Mariña mantívose activada a alerta amarela, segundo informou Meteogalicia.

Para este domingo, o aviso amarelo estenderase a toda a costa galega.

Por esa razón, a Xunta aconsellou nun comunicado a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade en calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres de embarcacións. 

Comentarios