Agredido en Viveiro tras baixar a pedirlle a un veciño que fixese menos ruído

O presunto autor é un mozo de 18 anos

Comisaría de Policía de Viveiro. AMA
photo_camera Comisaría de Policía de Viveiro. AMA

Un veciño do barrio do Pedregal, en Covas, denunciou na comisaría da Policía Nacional de Viveiro a outro do seu mesmo edificio por presuntamente pegarlle cun pau na cabeza e provocarlle unha ferida que requiriu nove puntos de sutura. O presunto autor é un mozo de 18 anos, que foi detido.

Segundo explican fontes policiais, os feitos sucederon este domingo cara ás sete e media da tarde cando a vítima, que vive nun segundo piso, baixou ao primeiro a pedir aos residentes que fixesen menos ruído e se iniciou unha discusión na cal o mozo lle propinou presuntamente o golpe na cabeza cun bastón de madeira, segundo a versión do suposto agresor, ou cunha barra metálica, segundo a da vítima.

As mesmas fontes engaden que o presunto autor se presentou voluntariamente na comisaría da Policía Nacional este luns pola mañá, foi detido e será posto a disposición xudicial nas próximas horas.