Francisco Conde: "Necesitamos que Alcoa concrete cales son as garantías"

Pontón ve na proposta da empresa "unha nova argucia" para aprazar o peche
Francisco Conde. SEBAS SENANDE
photo_camera Francisco Conde. SEBAS SENANDE

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, afirmou este martes en Monforte de Lemos que "o feito de que non se poida producir aluminio primario" en España "é un fracaso do Goberno" en política "industrial".

Ante a proposta de Alcoa para chegar a unha solución a medio-longo "prazo" para a fábrica de aluminio primario de San Cibrao, Conde instou o Goberno de España a convocar "de forma inmediata a todas as partes" para analizar se esa oferta por parte da multinacional vén realmente acompañada de garantías.

En todo caso, precisou que o que expón Alcoa na súa proposta é, en realidade, "unha solución provisional, non definitiva" e "é responsabilidade do Goberno garantir unha solución definitiva", porque se produce o "paradoxo" de que a empresa "pretende deixar de producir aluminio primario" en España, pero haberá que "importar material doutros países".

"Hai que traballar para atopar unha solución definitiva", porque se constata o fracaso do Goberno en política industrial. Non foi capaz de establecer un prezo eléctrico competitivo" que faga viable a produción de aluminio primario na Mariña, para garantir "o mantemento da actividade e os postos de traballo".

Análise da situación e as posibilidades de Alcoa: ¿as cubas non páranse?

En relación coa proposta de Alcoa, Conde afirmou que a Xunta estará "onde sempre estivo, que é á beira dos traballadores", pero neste momento o Goberno galego non ten "todos os elementos" para poder avaliala.

"Necesitamos que Alcoa concrete cales son as garantías" que oferta desde o punto de vista "dos investimentos industriais", pero tamén de face á consecución dunha subministración enerxética a un prezo realmente competitivo, para "garantir o mantemento do emprego e a actividade industrial".

ANA PONTÓN. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que a proposta de Alcoa "é unha nova argucia para aprazar o peche", e insistiu na intervención pública da factoría como única solución.

"Non podemos perder de vista que a dirección de Alcoa non é de fiar, e sabemos que o plan que teñen para a fábrica de San Cibrao é precisamente o peche, e se non o lograron pór en marcha foi grazas á mobilización social e á presión que se fixo desde os tribunais que paralizaron o ERE", afirmou Pontón en rolda de prensa.

Ver máis: Alcoa expón seguir en San Cibrao sen fabricar aluminio dous anos e manter catro o emprego

A dirixente nacionalista sospeita que a formulación da empresa, de paralizar a produción ata xaneiro de 2024 e non realizar despedimentos colectivos ata 2025, é "unha nova argucia da dirección de Alcoa, que o que quere é dilatar no tempo o peche, ese é o obxectivo para a fábrica de aluminio que ten en San Cibrao", dixo.

Para Ana Pontón, "a única garantía que temos de manter a fábrica de aluminio primario que temos en San Cibrao e os mil postos de traballo que dependen dela é que haxa unha intervención pública na que deben de traballar man a man a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado".

"A pregunta neste momento é onde está o señor Feijóo para defender os miles de postos de traballo que hai en xogo neste momento no país, e concretamente para defender aos traballadores e ás traballadoras de Alcoa", afirmou.

Pontón recoñece que o actual marco enerxético en vigor "é un auténtico disparate", e reclamou unha tarifa eléctrica galega e unha tarifa industrial competitiva, aínda que considera que "é evidente que a día de hoxe o futuro de Alcoa pasa porque haxa unha intervención pública, e porque a dirección non leve adiante unha nova argucia que acabe pechando a fábrica de San Cibrao e que non se repita en Alcoa o que xa pasou en Alu Ibérica A Coruña", concluíu. 

Comentarios