Os vaivéns de Sargadelos afectaron os foros de debate, que este ano se suspenderán

Segismundo García asegura que non quere enterrar a cita no Voar, que se retomou en 2016, e tratará de que regrese en 2019

Segismundo García. PEPE FERRÍN (AEP)
photo_camera Segismundo García. PEPE FERRÍN (AEP)

A tardenoche dos venres do próximo mes de novembro en Ribadeo non será o mesmo, porque este ano non se celebrarán os foros de debate no hotel e restaurante Voar. Finalmente, os vaivéns sufridos por mor da crise vivida en Sargadelos afectaron á organización dos foros e este ano suspenderanse. O actual conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, é tamén o propietario do negocio, onde se organizaron sempre, na súa primeira etapa a mediados dos anos 90, e tamén nesta segunda que se retomou hai dous anos.

O empresario Segismundo García recoñece que todo o tempo que tivo que dedicar a resolver os problemas en Sargadelos impediulle afrontar como cómpre a organización dos foros, o que lle levou a tomar a decisión de que este ano non se celebren.

O máximo responsable de Sargadelos e do Voar é o promotor desta cita de carácter cultural á que asisten sempre figuras de primeiro nivel no ámbito estatal. Trátase, de feito, do mellor ciclo de conferencias de calquera tipo existente na provincia de Lugo. Unhas charlas que Segismundo García saca adiante sen ningún tipo de apoio económico institucional e para as que tampouco cobra entrada.

Unha das tarefas máis difíciles é a de cadrar as datas para que acudan os relatores xa que as conferencias están estruturadas de antemán: todos os venres de novembro ás oito e media da tarde.

García xa anticipou que aínda que este ano non haberá foros de debate, a súa intención pasa porque estes non desaparezan e quere tratar de retomalos para o 2019

É necesario practicamente un ano enteiro para conseguir encaixar os calendarios duns e outros e incluso renunciar a relatores que non poden achegarse a Ribadeo neses días en concreto. Entre os máis recentes figuran o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o seu homólogo en Cantabria, Miguel Ángel Revilla e Íñigo Errejón, de Podemos, entre outros.

Ese traballo atopouse este ano coa competencia directa dos problemas aos que Segismundo García tivo que facer fronte en Sargadelos.

OUTRO PROBLEMA. Ademais, houbo tamén algúns factores externos que interferiron na organización dunha cita que, en principio, si que se ía a desenvolver. O máis importante foi a situación política que se vive en Madrid, co PP desaloxado do Goberno por unha moción de censura na que practicamente todo o arco parlamentario, salvo Cidadáns, púxoselle en contra, co PSOE atravesando unha situación moi delicada. Isto obrigou a algúns posibles relatores a dubidar sobre se finalmente poderían ou non achegarse ata Ribadeo.

No entanto, García xa anticipou que aínda que este ano non haberá foros de debate, a súa intención pasa porque estes non desaparezan e quere tratar de retomalos de cara a novembro do ano 2019.

Polo momento, recoñece que a situación en Sargadelos neste momento está máis tranquila e o ambiente laboral máis sosegado, co que están a traballar de forma máis normalizada.

Comentarios