A unidade de Hado do hospital atendeu a máis de 900 pacientes desde a súa creación

O servizo está integrado por dous equipos de traballo coordinados tamén con paliativos e fórmano 12 profesionais. A atención cóbrese en toda a comarca e todos os días do ano coa axuda tamén do persoal do 061
2019071912230341358
photo_camera Parte do equipo da unidade de Hado do Hospital Público da Mariña. IRIA L. V.

A Unidade de Hospitalización a Domicilio, Hado, do Hospital Público da Mariña leva atendidos a máis de 900 pacientes desde a súa posta en marcha a finais de 2013. "Empezou sendo un proxecto piloto cun único equipo de traballo integrado por un médico e dúas enfermeiras, e co paso do tempo e vendo a satisfacción dos pacientes e tamén dos profesionais púxose en marcha outra unidade a finais de 2015", explica o médico coordinador do servizo, José Luís Fernández, que lembra tamén a fusión desta unidade co equipo de coidados paliativos en 2016.

Agora mesmo estes servizos están atendidos por doce profesionais: cinco enfermeiras e tres médicos, ademais dun coordinador, un supervisor e un administrativo que son compartidos con outros servizos, e un psicólogo clínico que colabora nos casos máis complexos.

A unidade funciona todos os días do ano e cobre toda a área de influencia do hospital. "Nunca houbo unha exclusión motivada pola distancia ao hospital, como pode acontecer noutras unidades que teñen un radio de acción determinado", recalca Fernández, "aquí dende o principio atendemos a todos os pacientes que nos foron derivados sempre e cando tivésemos capacidade, porque hai que ter en conta que a dispersión xeográfica é un factor determinante e temos unha cota que non podemos pasar para poder cumprir coa atención que precisan os pacientes".

En horario de mañá os médicos e as enfermeiras atenden os casos de oito da mañá a tres da tarde e polas tardes, ata as oito, hai unha enfermeira de garda para atender os procedementos pendentes. "Todos os días fanse reportes dos pacientes ingresados e tamén se mandan ao 061, que ademais ten capacidade para acceder ás historias clínicas é se ocupa de atender as incidencias que poidan xurdir con estes pacientes fóra do noso horario", engade o médico.

DESTINATARIOS DO SERVIZO. Os enfermos que son usuarios desta unidade son derivados desde distintas áreas clínicas, desde Atención Primaria ata os distintos departamentos do hospital ou centros sociosanitarios. "O máis habitual é contar con pacientes agudos, que poden ser infecciosos, oncolóxicos ou pacientes con cirurxías complexas, e tamén crónicos que sofren descompensacións na patoloxía que sofren e que adoitan ser persoas maiores", asegura Fernández.

Non todos os pacientes son candidatos a ser atendidos nos seus domicilios. Primeiro, é importante que o paciente así o queira "porque pode preferir ser atendido non hospital e iso é o que manda por riba de todo"; ten que ter un diagnóstico establecido e unha estabilidade clínica e existir a posibilidade de facer un tratamento a domicilio, ademais de que exista a figura do coidador principal, que é a persoa responsable da atención ao paciente na súa casa e o primeiro interlocutor do equipo.

"Os pacientes de Hado contan coa garantía de que os coidados que van ter no domicilio son os mesmos que no hospital en intensidade e complexidade, pero no mellor lugar terapeútico que é o seu domicilio", subliña o responsable da unidade, e engade que unha das características desta atención é "ser unha medicina máis personalizada", na que tamén existen menos complicacións, e iso repercute positivamente na súa curación.

Comentarios