viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Un século e tan campante

Ángeles Vacas, na súa casa de Ribadeo. P.V.
Ángeles Vacas, na súa casa de Ribadeo. P.V.
Ángeles Vacas Montenegro celebra os seus cen anos en compañía de familiares e amigos

Este sábado é un día especial para Ángeles Vacas Montenegro. Aínda que cumpriu cen anos o luns será cando o celebre cunhas setenta persoas entre familiares e amigos. E a familia é numerosa porque foron nove irmás, naturais da Espiñeira, en Barreiros, aínda que recorda que "nos viñemos a Ribadeo no 36, pola Guerra Civil, porque o meu pai era carabinero e trouxérono para aquí, así que xa levo en Ribadeo máis de oitenta anos".

Conta Ángeles con algo de sorna que a súa nai foi tendo fillas cada dous anos e a xente ía comentando "a ver se desta vén un neno, pero ao final fomos nove irmás".

De todas, agora ela é a maior, aínda que se ve que a xenética é aliada da familia. Ángeles está perfectamente "e as miñas irmás teñen 93, 91, 89 e 87 anos". Estes días foron achegándose a Ribadeo para a comida. Un Ribadeo que ela se atopou "moito máis pequeno que agora. Creceu moitísimo. Vivín nos Catro Caños e A Fontenova, que foi a casa da familia de toda a vida", no corazón da zona vella ribadense.

Ribadense pero nacida na Espiñeira, come e bebe de todo e le o xornal no móbil

Se se lle comenta o seu estupendo aspecto ela matiza: "Bo, de cabeza si que estou ben, pero me custa defenderme soa. Teño un cravo de 17 centímetros nunha perna, dáme algo a lata a artrose e dóeme a cadeira", aínda que iso non quita que arranxe a súa habitación a diario "aínda que me leva tempo".

Pero non se lamenta moito máis. Non parece Ángeles nada nostálxica: "Eu son deste tempo e gústame estar coa xente nova. Teño móbil e enténdome ben con el. Leo aí o xornal se estou fóra e gústame estar ao tanto das cousas de aquí". Tamén no social: "Gústame a liberdade que hai agora e que nós non tivemos. A muller ten agora unha liberdade estupenda. Antes unha que tiña dous noivos xa... Agora non pasa nada, e iso paréceme fenomenal".

É inevitable recordarlle o paso do seu fillo, Balbino Pérez Vacas, pola alcaldía de Ribadeo: "Paseino fatal. Metíanse moitísimo con el e sen razón, porque sempre tivo boas intencións".

Un século e tan campante
Comentarios