Uns turistas din ter vivido un "inferno" coa reparación do seu coche

Acusan a un taller barreirense por demorar máis dun mes o arranxo que lles obrigou a esperar ata este mércores

Imagen del coche dañado. AMA
photo_camera Imaxe do coche danado. AMA

Unha parella de turistas que reside en Gran Bretaña e que habitualmente pasa parte das súas vacacións na Mariña asegura vivir un "inferno" pola demora de máis dun mes na reparación do seu monovolume Renault Scénic por parte dun taller de Barreiros, que nun primeiro momento apalabrara o arranxo en apenas uns días.

Todo comezou cando Marilia Bañuls e Manuel Martínez sufriron un accidente o 20 de xuño, xusto ao día seguinte da súa chegada a Cantabria co ferry que os trouxo desde Portsmouth. Un camión chocou contra eles e, aconsellados pola súa aseguradora, tras unha primeira consulta realizada nas oficinas desta en Mondoñedo —dispoñen dun seguro a terceiros— primeiro acudiron a un taller de Lourenzá e este, con moita carga de traballo, aconselloulles outro en Barreiros.

"En Cantabria un mecánico dixéranos que o arranxo sería de apenas uns días. E aquí dixéronnos case outro tanto. Deixámolo en Barreiros o 28 de xuño, pero nin o tocaron ata o 30 de xullo. Como o furgón usámolo a modo de casa ambulante de viaxe, pedimos un crédito e adiantamos mil euros, todo con tal de telo canto antes", pero non lles foi entregado ata este mércores mesmo. Mentres tanto e segundo o seu relato, alugaron "unha vivenda un mes en Mondoñedo e logo acampamos en Barreiros preto do taller para estar pendentes. E perdín unha cita médica importante prevista para o 9 de agosto".

Tras entregar o coche no taller, o que si acudiu durante a primeira semana foi o perito da aseguradora que "valorou nun principio a reparación incluso en 6.000 euros; logo de varias queixas, baixou ata menos de 4.000, que foi o que custou e o que cobraron no taller".

A entidade Automobilistas Europeos Asociados instou o taller a fixar unha data de entrega a mediados de xullo e "sinalaron o 15 de agosto". O mércores recuperárono e consultarán a avogados para saber se interpoñen unha denuncia.

Comentarios