O turismo rural, ante o seu reto máis incerto

A ocupación neste tipo de hospedaxes foi moi baixa no mes de xullo, lastrada polo rebrote na Costa de Lugo, pero en agosto a situación mellorou e a facturación foi moi similar á doutros anos anteriores. Agora ábrese un período de incerteza
Antonio Pérez, en Casa Guillermo, en Barreiros. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Antonio Pérez, en casa Guillermo, en Barreiros. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Acabouse o verán e os propietarios das casas rurais miran a súa conta de resultados. Os números vermellos escuecen, pero menos do que se podía prever en xullo, cando A Mariña quedou confinada por un rebrote de coronavirus que tivo como epicentro a localidade de Burela e as expectativas eran grises tirando a negras. Agosto serviu de salvavidas a unha época estival bipolar, preocupante en xullo e notable en agosto. Superado un setembro irregular, agora chega a incerteza do outono e inverno.

A conxuntura social provocada pola pandemia do covid-19 podería beneficiar ás casas rurais na Costa de Lugo, a priori. Unha comarca que non está masificada en canto ao turismo e que dispón dunha boa rede de aloxamentos rurais afastados das zonas máis poboadas. Pero o rebrote que tivo o seu epicentro en Burela, pero que confinou a toda a comarca durante varias semanas, acernou as esperanzas dun bo verán para este tipo de negocios. Ao ser unha das primeiras, A Mariña estivo moi exposta nos medios de comunicación tanto locais como nacionais, o que prexudicou notablemente, segundo os donos destes negocios, a visita de viaxeiros. "A Mariña lucense quedou queimada, a ver como se recupera", di Manuel Vicente, presidente da Asociación de Turismo Rural da Mariña lucense (Aturmar).

Manuel Vicente: "A Mariña lucense quedou queimada tras a exposición que tivo nos medios polo rebrote, a ver se nos recuperamos"

Propietario da casa de turismo rural Anatur, en Cervo, Vicente analiza o que foi o verán pola comunicación que tivo cos seus compañeiros. "Agosto foi agosto, como calquera outro ano, coas particularidades das reservas de última hora, pero o mes de xullo foi malo polo rebrote, polo tanto, a media é que foi un verán inferior aos anos anteriores en canto a facturación", valora.

Vicente critica o tratamento que se deu nos medios de comunicación ao rebrote da Costa de Lugo "creando alarmismo e inseguridade, o que provocou que houbese moitas anulacións no mes de xullo", subliña.

Algúns aloxamentos, como Casa Guillermo, en Barreiros, cambiaron incluso o xeito de traballar. Ata este ano alugaban as cinco habitacións das que dispuña a casa por separado, mentres que este verán decidiron alugar unha planta enteira, de catro habitacións, a grupos e familias, e a quinta habitación deixala baleira. "Fixémolo por nós tamén, para ter menos mestura de clientes e máis seguridade", afirma Antonio Pérez, o propietario do lugar. á hora de comparar a facturación con anos anteriores, declina a posibilidade "porque ao variar a forma de alugar non poderíache dicir, pero agosto foi ben e xullo mal", apunta.

PÉRDIDAS EN XULLO. Quen se se atreve a valorar como afectou o rebrote á súa facturación é Miguel Rodríguez, propietario de Casa da Penela en Mondoñedo. "Non téñoo contrastado aínda, pero calculo que facturamos un 20 ou 25% menos que outros anos no total do verán", apunta. José Manuel Casar, dono de Casa Lamelas, no Vicedo, especifícao aínda máis. "Poderíache dicir que en xullo facturamos un 40% menos polo tema do rebrote, pero en agosto tivemos unha ocupación que rozou o cento por cento, como calquera outro ano".

Miguel Rodríguez: "Non o teño contrastado aínda, pero calculo que facturamos un 20 ou 25% menos que outros anos"

Á hora de facer números, recorda o investimento que tiveron que facer todos os establecementos deste tipo para adaptarse ás normas impostas polas autoridades por mor da pandemia do coronavirus. "Houbo que facer un desembolso para adaptarnos aos que nos pedían e iso tamén suma", di Manuel Vicente. E nalgúns aloxamentos, como Casa da Penela, tamén lles afectou a crise sanitaria á hora de dar comidas. "Nós traballamos previo encargo para grupos e aí se que se notou máis, porque a xente non tiña a confianza como para facer ese tipo de comidas", explica Miguel Rodríguez, que cre que aos poucos se vai a ir normalizando a situación", e engade, de xeito persoal que "eu son dos que penso que se nos fan un test a todo o mundo habería un tanto por cento altísimo que dariamos positivo; o virus perdeu letalidad e espero que todo volva á normalidade", reflexiona este empresario.

CUMPRIR AS NORMAS. Sobre os clientes que estiveron aloxados en Mondoñedo, afirma que "moitos son repetidores, de strong<> outros anos, sobre todo os de agosto", e engade: "Non son moi tiquismiquis, cumpren as normas, pero aquí é relativamente fácil cumprilas porque temos unhas instalacións amplas e unha leira con máis dunha hectárea". Isto é algo extrapolable á maioría de aloxamentos rurais, que se caracterizan por ter espazos máis amplos que nos hoteis máis ao uso.

Antonio Pérez, de Casa Guillermo, advirte que os clientes "preguntaban moito sobre as medidas de seguridade, sobre a amplitude do xardín; tiñan bastantes dúbidas á hora de facer a reserva", sinala. En casa Penelas, a maior preocupación dos clientes, segundo Casar, era "a hora do almorzo, porque as ceas con todo este tema do covid-19, suspendémolas", conclúe o empresario hostaleiro.
 

Setembro moveuse sobre todo con reservas feitas a última hora
Os primeiros días de setembro non foron nada bos en canto a pernoctaciones nas casas de strong<> turismo rural. A incerteza, unida ao comezo do curso escolar, freou a chegada de visitantes. Os empresarios coinciden en que neste mes houbo menos xente que noutros anos, aínda que José Manuel Casar, de Casa Lamelas, no Vicedo. explica que puido notar que "a xente reservaba a última hora, e miraba tamén se facía bo ou mal tempo", completa.

Manuel Vicente ten a teoría de que na comarca mariñá a última semana de agosto é coma se fose xa a primeira de setembro. "Se a isto lle engades a nova normalidade, que empezan os colexios, sae un mes de moi baixa ocupación", di, e engade: "Agora o que toca é planificar o 2021".

Desde Casa da Penela esperan que se normalice canto antes a situación. "Temos a esperanza de que a longo prazo as cousas volvan ser como antes, a partir da Semana Santa de 2021, pero aínda que o inverno non ten nada que ver co verán, estaría ben que se fose normalizando ", di Miguel Rodríguez. Todo o sector mira agora o que sucederá cun outono e un inverno que se poden volver moi negros porque non hai ningunha perspectiva nin de vacina nin de cura. Temen que incluso non se recuperen ata o verán.

Comentarios