O turismo recupera brío

A ocupación hostaleira en Ribadeo e Burela rozou o 100%. As oficinas de turismo ribadenses atenderon 75.000 persoas
undefined
photo_camera Ruta xeolóxica, en Burela. EP

A chegada de turistas á comarca foi unha constante nos meses de xullo e agosto. Aínda que os municipios máis turísticos seguen liderando o número de visitantes cada vez son máis os viaxeiros que se deciden a coñecer distintos puntos da comarca e este verán houbo turistas en cada recuncho da Mariña. Así o reflicten os datos, como os que ofreceron este xoves Ribadeo e Burela.

As oficinas de turismo de Ribadeo recibiron preto de 75.000 visitas en xullo e agosto. Só en agosto, a oficina da vila recibiu 14.000 viaxeiros e a da praia das Catedrais, 19.000. Ademais, o concelleiro de turismo, Pablo Vizoso, asegurou que "segue a alza a tendencia de persoas que pasan a noite na vila", cunha ocupación entre o 95 e o 100%.

Madrid segue sendo o principal destino emisor, seguido de Cataluña, Andalucía, Valencia e País Vasco. Vizoso tamén destacou que, malia o descenso do turismo internacional, rexistrouse un aumento dos viaxeiros de Portugal e Italia, "que duplica practicamente o rexistrado en anos anteriores e que iguala a Francia, que segue a ser o principal emisor". Ademais, Ribadeo recibiu 24 grupos organizados.

No caso do Camiño Norte, a oficina de información ao peregrino recibiu preto de 2.000 viaxeiros e o punto de información do santuario de Nosa Señora das Virtudes, 260.

Pola súa banda o concelleiro de turismo de Burela, Ramiro Fernández Rey, destacou as preto de 4.000 consultas rexistradas na oficina de turismo e unha ocupación hostaleira próxima ao 100%. "Estas cifras son positivas e están a recuperar a tendencia de antes da pandemia", dixo. "Calquera que viñese a Burela podía ver moitísima xente polas rúas e nas praias", sinalou. Neste caso, Madrid, Castilla y Léon e País Vasco son os principais emisores de viaxeiros.

Fernández Rey tamén destacou o éxito das visitas guiadas ao barco museo Reina do Carmen, a pesar de aforamento limitado a dez persoas. "O mes de xullo foi espectacular e case dobrou a afluencia do ano 2019 que fora bo", indicou. Tamén foron un éxito as rutas xeolóxicas, pero o edil recoñeceu que as visitas a Vila do Medio non alcanzaron as cifras esperadas.

Viveiro e Burela están presentes en Turexpo
Viveiro e Burela están presentes desde este venres e ata o domingo no salón turístico Turexpo que se celebra no marco da feira Semana Verde, que este ano cambiou de data.

Viveiro contará cun expositor individual no que ofrecerá información do municipio e proxectaranse vídeos. A concelleira de turismo, Marisol Rey, o tenente de alcalde, Jesús Fernández e persoal da oficina de turismo están este venres en Silleda. Rey manterá encontros con turoperadores internacionais e tamén está prevista unha degustación con 300 racións de empanada de pescada e 120 racións de pan dos apóstolos.

Burela tamén volveu elixir este salón para a súa promoción turística. No seu caso organizaron unha degustación de bonito que será o domingo contando coa colaboración da asociación cultural Ledicia.

Comentarios