Un tren sen pasaxeiros choca contra un coche abandonado tras saír da vía en Cervo

Os servizos non atoparon a ningunha persoa dentro do vehículo cando acudiron ao lugar dos feitos

Coche arrollado por el tren en Cervo. EP
photo_camera Coche arrollado por el tren en Cervo. EP

Un vehículo, un turismo Citroën C5, que se atopaba no medio da vía ferroviaria resultou esnaquizado ás seis e media da mañá deste domingo ao ser arrolado por un tren de Feve que circulaba en dirección a San Cibrao. O maquinista, que resultou ileso, avisou inmediatamente aos equipos de urxencias, temendo o peor. Con todo, a sorpresa chegou cando os equipos desprazados ao lugar comprobaron que non había ninguén no interior e que o vehículo fora abandonado no lugar.

A Garda Civil iniciou ao instante unha investigación para dar co propietario do automóbil e poder aclarar o sucedido. As indagacións deron o seu froito e esta persoa, que ao parecer era a mesma que conducía o vehículo, foi localizada ilesa no seu domicilio da localidade cervense de San Cibrao, unhas dúas horas despois de producirse o suceso.

Segundo parece, o accidentado, de 47 anos, conducía en dirección a Burela pola estrada LU-P-1510, cando á altura do quilómetro 2,2 -entre A Marosa e Cervo- sufriu unha saída de estrada pola marxe esquerda. Desde ese punto caeu varios metros por un terraplén ata que o coche acabou sobre a vía. No accidente, o home non sufriría lesións, pero decidiu abandonar o lugar sen dar ningún tipo de aviso.

O condutor tampouco concretou á hora na que sufriu o sinistro, polo que se descoñece o tempo que levaba o coche na vía antes de que pasase o tren.

Ademais de interrogalo sobre os detalles do sinistro, os axentes que se desprazaron ata o seu domicilio tamén o someteron á proba de alcoholemia. A súa taxa arroxou un resultado superior a 0,60 milímetros de alcol por litro de aire expirado, polo que deberá responder como investigado por un delito contra a seguridade viaria.

Pero, ademais, o acusado tamén se enfrontará a unha infracción administrativa ao abandonar o lugar dun accidente, o que leva unha multa de polo menos 200 euros. A maiores, poderíanselle esixir outras contraprestacións polos inconvintes causados a terceiras persoas.

E é que ante o risco de que puidese haber persoas no interior do coche, o 112 Galicia mobilizou ao lugar unha ambulancia medicalizada do 061, que acudiu xunto a unha patrulla da Garda Civil de Xove, axentes do Subsector de Tráfico de Lugo do destacamento de Burela, bombeiros de Barreiros e os efectivos do Grupo Supramunicipal de Cervo.

O accidente obrigou a anular tamén dous servizos de media distancia da compañía ferroviaria, o que afectou os pasaxeiros, aínda que fontes próximas á empresa non puideron especificar o número exacto.

Un dos convois cuxa saída se anulou foi o que ía circular entre Ribadeo e Ferrol. Os pasaxeiros foron trasladados por estrada. O outro dos servizos afectados polo incidente é o que conectaba Ferrol con Ribadeo. Neste caso, os pasaxeiros só tiveron que ser trasladados por estrada ao seu paso pola Mariña, concretamente entre as localidades de Viveiro e Ribadeo.

A circulación ferroviaria quedou restablecida cando pasaban uns minutos das 11.00 horas.

OUTROS INCIDENTES. O condutor dun vehículo que envorcou no quilómetro 2 da LU-P-1502, que une Burela con Ferreira, á altura do núcleo de Vilaestrofe, saíu ileso e non requiriu asistencia. O sinistro, que tamén ocorreu ao redor das 6.30 horas, produciuse nun tramo de subida cara á zona do cemiterio burelense.

En Burela, a Garda Civil solicitou a colaboración de Protección Civil para levar ao depósito unha moto cuxo roubo foi denunciado recentemente e que apareceu nun parque en perfecto estado.

Máis en A Mariña
Comentarios