Ferido grave un octoxenario en Riotorto ao envorcar o tractor que conducía

O home foi evacuado ao Hula
El tractor accidentado en Riotorto. EP
photo_camera O tractor accidentado en Riotorto. EP

Un veciño de Riotorto, duns 80 anos de idade, resultou este xoves ferido grave ao envorcar o tractor que conducía nun viario da parroquia de Santa María de Meilá, no municipio riotortés. O home foi evacuado ao Hula nunha ambulancia do 061 porque se queixaba de dores, aínda que se mantivo consciente en todo momento.

De feito, foi ese un factor fundamental no seu rescate, pois o home quedou semiatrapado baixo o vehículo ao precipitarse por un desnivel e pasou algún tempo ata que os seus queixumes foron ouvidos por un veciño que pasaba pola zona, que avisou ao 112 pouco logo das oito da tarde.

Ata a zona desprazouse Protección Civil de Riotorto e a Garda Civil de Tráfico. Tamén se mobilizou ao GES da Pontenova, pero non chegou a intervir ao non necesitar ser excarcerado.