Transportes asina sete contratos para buscar unha solución á néboa na A-8

O importe máximo dos contratos de servizo adxudicados ascende a 6,94 millóns
Niebla en la A-8. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Néboa na A-8. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) formalizou sete contratos de investigación e desenvolvemento, mediante o sistema de Compra Pública Precomercial (CPP) para o "deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora" para tratar de buscar unha solución aos problemas que provoca a néboa na A-8, no Alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín. Segundo informou o propio ministerio, eses contratos comprenden a "demostración da viabilidade das solucións propostas", dentro da primeira fase do proceso de Compra Pública Innovadora.

As empresas que participan neste proceso instalarán os prototipos nun "tramo de proba anexo ao tramo da autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta", co obxectivo de validar o sistema proposto "de cara á súa futura implantación sobre a carretea para minimizar os efectos adversos producidos no tráfico pola néboa densa", informa o ministerio.

A CPP desenvolverase "en competencia" e mediante "fases temporais de carácter eliminatorio", de modo que se irán seleccionando progresivamente as mellores solucións de cara a resolver a problemática existente". Así, na fase 1, as empresas terán que demostrar a viabilidade das solucións propostas, con estudos e demostracións, para pasar posteriormente á fase 2, que inclúe a construción e experimentación en campo a escala real cos catro prototipos seleccionados na primeira.

O importe máximo dos contratos de servizo adxudicados ascende a 6,94 millóns de euros e a CPP está cofinanciada nun 80% con fondos europeos.

Comentarios