La pasión sobre ruedas de Patricia Rodríguez Aenlle

Despois de máis de dous meses na recollida de leite recoñece que non o cambiaría o traballo no camión "por nada»
2021010614000951728
photo_camera Patricia Rodríguez Aenlle, na cabina do seu camión. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Dende nena está rodeada de camións, por iso non é de extrañar a paixón que demostra Patricia Rodríguez Aenlle por este mundo."«Meu pai sempre tivo camións e miña nai sacou o carné para poder conducilos con 44 anos e dende ese momento a miña ilusión era poder conducir un eu tamén", recoñece Patricia, que obtivo o permiso non só para o camión ríxido senón tamén para un tráiler, "algo máis complicado porque é articulado".

Deste xeito sumouse á empresa familiar e a unha saga de camioneiros, xa que ela e súa nai dedícanse a recoller leite para a empresa Lorán, con sede en Abadín, e seu pai e seu irmán transportan madeira. "Polo momento só me dedico ao leite, pero tamén querería probar na madeira", recoñece esta rapaza laurentina de 23 anos que foi unha das beneficiarias das axudas convocadas pola Xunta de Galicia para a obtención do permiso de conducir dentro do Plan Estratéxico de Xuventude.

Despois de formarse no coidado de persoas dependentes e de exercer diversos traballos, Patricia desfruta dende o mes de outubro desta nova etapa laboral, que lle permite ser aquilo que sempre quixo ser. "Pola miña experiencia animaría a quen lle guste a dedicarse a isto, tamén ás rapazas porque é un traballo que todo o mundo pode facer e hai que normalizar que haxa máis mulleres ao volante", asegura.

E é que o mundo dos camións aínda é maioritariamente de homes, pero aínda así as mulleres fóronse facendo un oco nos últimos anos e cada vez resulta máis habitual velas ao volante destes xigantes da carretera. "É verdade que somos aínda minoría, pero nin eu nin miña nai, que leva xa máis de sete anos ao volante, notamos nunca que nos fixeran de menos ou que non nos recoñecesen o traballo, ao contrario, sempre tivemos boas experiencias: os compañeiros saúdante na carretera e tanto nas granxas ás que vamos como na empresa sempre nos axudaron naquilo que precisamos", explica.

Para Patricia o mundo do camión é "moi bonito e permíteche coñecer a xente marabillosa", por iso non dubida en que acertou coa decisión de coller o volante e recoñece que "non o cambiaría por nada", a pesar das dificultades que, como en calquera outro traballo, se presentan de cando en vez. "Teño a sorte de ter a empresa na casa, polo que sempre podo tirar de miña nai se preciso axuda", afirma Patricia, que conta que antes de empezar a traballar ela soa estivo acompañada por súa nai quince días para ir collendo destreza e facéndose cos sitios aos que debe ir: "A primeira semana conducía ela para que eu vira como eran os sitios e a segunda xa conducía eu para irme acostumando".

Chegar ás granxas de Trabada, Cospeito ou Abadín nas que deben recoller o leite non sempre é sinxelo cun camión de grandes dimensións, aínda que agora Patricia xa o faga rodado. "Un dos primeiros días collín algo de medo nunha granxa e outra vez tívome que axudar miña nai a saír dun prado, pero fóra desas pequenas incidencias todo vai ben", recoñece e subliña que aínda que o medo queda na casa, non o respecto porque "un camión non é coma un coche, a condución depende doutros parámetros coma a carga ou o tempo e cando conduces tés presente na cabeza o que levas nas mans porque tamén son moitos cartos os que se invisten en mercar un camión".

Axudas para a mellora da empregabilidade
A Xunta convocou o ano pasado a primeira orde de axudas cun importe de 760.000 euros para a obtención dos permisos de conducir de coche e de camión dentro do Plan Estratéxico de Xuventude co que se busca mellorar a autonomía, a mobilidade e a empregabilidade da xente nova. A contía das axudas era de 400 euros para o carné tipo B e de 650 para o tipo C.
Boa acollida
Esta convocatoria, que viu modificados os prazos por mor do covid-19, tiveron moi boa acollida. A Administración recibiu 4.220 solicitudes e resultaron beneficiados 1.349 mozos e mozas de toda a comunidade.
Nova convocatoria con asesoramento
Os bos resultados acadados pola iniciativa levou ao Goberno galego a preparar outra convocatoria para este ano. Co fin de acompañar aos rapaces no proceso de facer a solicitude para garantir que se cumpra cos requisitos establecidos na convocatoria, na nova orde incorporarase, como novidade, un anexo de centros de asesoramento e apoio para guiar aos rapaces no trámite da solicitude ou na presentación da documentación que é precisa para acceder á axuda.

Comentarios