Traballo afirma que en días se aprobará o estatuto de empresas electrointensivas

Yolanda Díaz promete su cargo. EMILIO NARANJO
photo_camera Yolanda Díaz promete su cargo. EMILIO NARANJO

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, anunciou este luns que o estatuto para empresas electrointensivas estará "en días" no Consello de Ministros. 

Nunha entrevista no programa Bos Días de TVG, Díaz indicou que a ministra de Industria, Reyes Maroto, confirmoulle que esta ferramenta, que permitirá "con urxencia arranxar o prezo da enerxía" das empresas grandes consumidoras, sairá adiante e "en días estará no Consello de Ministros". 

Respecto da derrogación da reforma laboral, Díaz confirmou que xa mesmo se vai a derrogar o artigo 52.D, "que permite despedir estando enfermo".  "Isto sae inmediatamente, con carácter de urxencia, porque é unha vulneración dos dereitos fundamentais e das normas europeas", dixo. 

Díaz insistiu, ademais, que no acordo de goberno non di en ningún punto que se vaian a derrogar os aspectos "máis lesivos" da reforma laboral, senón que se fará na súa totalidade e "en dúas fases", tras as que, tamén "con urxencia" e con diálogo farase "un estatuto de traballadores e de traballadoras do século XXI". "Manexamos normas do século XX, duns tempos que non existen xa. Hai que feminizar o estatuto de traballadores, facelo sostible e dixitalizalo", sinalou. 

Tamén reafirmou a intención do Goberno de aumentar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) ata que alcance "o 60 % do salario medio ao final da lexislatura" e defendeu os efectos positivos da subida do 22 % realizada na pasada lexislatura.

Cuestionada, ademais, sobre as declaracións do líder da CEOE, Antonio Garamendi, nunha entrevista no Mundo, sobre os posibles efectos negativos na contratación coas novas normas laborais, a ministra asegurou que non lle parecen "atinadas", xa que "parecen ameazantes". 

"Cónstame que as patronais queren que haxa traballo e salarios dignos", sinalou Díaz, que indicou que nesa entrevista o líder da CEOE di "cousas moi sensatas" e agradécelle que, na súa opinión, rebaixe o ton das críticas. 

Tamén opinou sobre a reclamación pendente do Parlamento galego para que se transfira a AP-9 a Galicia e opinou que será unha das primeiras leis que se tramite no Congreso.

Comentarios