O comité de Vestas ve a empresa "enrocada" no Ere

Na segunda reunión de negociación do expediente os representantes sindicais rexeitaron unha proposta da multinacional de buscar solucións para a fábrica á marxe da mesa industrial na que tamén están Xunta e Goberno
La planta de Vestas. AEP
photo_camera A planta de Vestas. AEP

A segunda reunión dentro do proceso de negociación do Ere en Vestas concluíu sen ningún acordo entre empresa e traballadores. Segundo o comité, a multinacional está "enrocada" e non accede a retirar nin a paralizar o expediente, á vez que propón unha "negociación paralela" coa parte social para buscar solucións para a fábrica, sen participación das administracións.

O presidente do comité, David Mariño, asegura que a empresa "escapa" da mesa industrial constituída coa Xunta e o Goberno central e propón falar só cos traballadores na procura dunha saída, pero "sen parar en ningún caso o reloxo" do Ere e sen garantir que se manterán todos os empregos.

Esta proposta foi rexeitada polos representantes sindicais, que sosteñen que "é na mesa industrial onde se teñen que facer realidade as posibles saídas a este conflito porque é onde se dispón dos mecanismos necesarios". Así as cousas, a reunión terminou sen acordo de ningún tipo e coa sensación entre os traballadores de que "Vestas pretende executar o Ere, non atende a razóns e non cre na propia mesa industrial".

Pola súa banda, o comité avanza que seguirá loitando por salvar o 100% dos empregos e continuará con mobilizacións para "forzar a Vestas a participar activamente" na mesa industrial, que terá a súa próxima reunión o vindeiro mércores 13.

Comentarios