Miles de persoas esixen unha solución para a factoría de Alcoa en San Cibrao

Os manifestantes cortaron a A-8 á altura de Ribadeo e crearon unha barricada con pneumáticos ardendo para mostrar o seu rexeitamento á decisión da empresa de iniciar un proceso de despedimento colectivo

Miles de persoas manifestáronse este domingo en Ribadeo pedindo unha solución para a factoría de Alcoa en San Cibrao, despois de que o pasado xoves a dirección en España da multinacional anunciase o inicio dun período informal de consultas para empezar un proceso de despedimento colectivo que afectaría a un máximo de 534 persoas. O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, cifrou en 8.000 persoas os asistentes á protesta, mentres que fontes da Garda Civil apuntaron 5.000. 

Máis aló das cifras, os mariñáns e multitude de traballadores da factoría e da empresa auxiliar —na que están ameazados entre 300 e 350 postos de traballo— cortaron a A-8, antes da Ponte dos Santos, e crearon unha barricada con pneumáticos ardendo, como mostra de rexeitamento aos plans da multinacional. 

O presidente do comité defendeu a intervención da empresa por parte do Goberno porque dixo que o estatuto electrointensivo agora mesmo xa non é a solución: "Agora o único que nos serve é que o Goberno faga o seu traballo, e como ata este momento non o fixo, o que ten que facer é intervir a empresa". "Xa era unha industria nacional e pode volver selo e despois, unha vez pasados uns meses, pódese buscar un comprador, pero sempre que ese proceso sexa o Goberno quen o leve a cabo porque a última vez que deixaron que o levase unha empresa privada acabou como acabou", engadiu. 

Neste sentido, Zan recordou que a Unión Europea permite as intervencións de empresas e puxo como exemplo a Francia ou Alemaña, sobre todo, á chanceler alemá, Angela Merkel, da que dixo "é a máis intelixente de todos os gobernos de Europa, e xa interveu Lufthansa". 

"En lugar de botarnos á rúa teñen que darnos unha solución, porque para iso lle pagamos ao Goberno", asegurou Zan, cuxas apelacións ao Executivo central foron constantes, tanto ao presidente, Pedro Sánchez, como ás ministras de Indutria, Reyes Maroto, e de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Na súa intervención para pechar a manifestación, o presidente do comité subliñou que a situación que vive San Cibrao é froito "da ineficacia dos políticos" e subliñou que a causa que defenden é xusta. "Imos saír adiante porque a nosa causa é xusta", dixo, "non estamos a pedir que nos dean axudas, estamos a reclamar un plan enerxético parecido, que xa non igual, ao do resto de países de Europa e se este Goberno non quere, que se vaia". "Necesitamos un Goberno valente e que saiba onde está, porque sen industria non se poderá saír desta crise", subliñou. 

A deste domingo foi a primeira gran manifestación desde o anuncio da multinacional que pon na picota a produción de aluminio na comarca. O venres pola mañá, na entrada da factoría, tamén houbo queima de pneumáticos, pero este domingo a sociedade saíu á rúa a apoiar o persoal e fíxoo de xeito masivo. 

Neste sentido, Zan insistiu en que a loita non fixo máis que empezar e subliñou que "haberá máis actos de protesta e cada vez serán máis contundentes". "Non imos parar, acabamos de empezar", dixo.
 

Mércores con Industria e xoves coa empresa 
Esta semana xa están a descontar os días dados pola empresa para negociar e empezan tamén as reunións. O comité reunirase o mércores con Industria e o xoves está previsto un encontro coa dirección da empresa. 

Ao Goberno 
A única petición a Industria será a intervención da factoría. 

Á patronal 
Á empresa pediranlle que retire calquera medida que poña encima da mesa. "Que espere a ter un marco legal para dar futuro á fábrica", dixo Zan.

Comentarios