Traballadores de Alcoa protestan á entrada da TVG antes do debate electoral

Entre 35 e 40 persoas pediron unha solución ao problema da fábrica aos candidatos

Traballadores de Alcoa San Cibrao levaron a súa protesta á entrada da CRTVG, en Santiago de Compostela, con motivo do debate electoral entre os sete candidatos aos comicios do 12 de xullo que se celebra este luns.

Segundo explicou a Europa Press o presidente do comité de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, entre "35 e 40 persoas" achegáronse ata o exterior do complexo de San Marcos para trasladar as súas protestas aos candidatos e que se busque unha "solución" ante a ameaza de peche da planta de aluminio.

Alí, protestaron á entrada de cada candidato ao recinto cunha pancarta na que se podía ler 'A Mariña salvar loitando', mentres portaban chalecos amarelos coa lema 'Alcoa, despedimentos non'.

O vindeiro mércores, 1 de xullo, teñen convocada unha folga á que comercios da Mariña manifestaron que se sumarán tamén. Ademais, haberá unha concentración en Santiago ese día.

A multinacional estadounidense lanzou o pasado 28 de maio un proceso de consulta informal ante o despedimento colectivo que ameaza aos 534 traballadores da planta e o 25 de xuño abriu o período formal de consultas, que finalizará o 24 de xullo.

Comentarios