Traballadores de Alcoa cortan a A-8 con barricadas á altura de Ribadeo

"Non imos parar de meter presión ata que teñamos por escrito unha solución", advirte o comité

Decenas de traballadores da factoría de Alcoa en San Cibrao, vestidos coa súa roupa e cascos de traballo, cortaron este xoves pola mañá, sobre as 10.30 horas, a Autovía do Cantábrico (A-8) ao seu paso polo municipio de Ribadeo, para reclamar unha solución que permita manter o cento por cento da produción e do persoal na fábrica de aluminio primario.

Os traballadores ocuparon a autovía e cortaron o paso de vehículos con barricadas de rodas ás que logo lles prenderon lume, ao berro da "Mariña sálvase loitando". Trátase do mesmo lugar no que comezaron as accións de protestas a finais de maio.

Na concentración escoitáronse consignas xa coñecidas nas mobilizacións dos traballadores de Alcoa, que comezaron cando a multinacional anunciou un expediente de extinción de emprego que podería afectar a máis de medio milleiro de traballadores da planta.

O comité de empresa da factoría xa expresou publicamente a súa apoio ao proceso de venda a GFG Alliance -Liberty House-, pero lamenta que Alcoa estea "a actuar de mala fe" para "boicotealo" ao entender que non está interesada no traspaso. 

Na protesta deste xoves participan traballadores das fábricas de segunda transformación de aluminio de Alacante e Amorebieta que se nutren da planta de San Cibrao.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que esta manifestación foi convocada para que "todas as negociacións que está a haber" para a venda da planta mariñá "frutifiquen dunha vez". "Non podemos ter a toda unha provincia en pé de guerra, a toda unha provincia pendente de que haxa un acordo, e máis cando a produción de aluminio primario é necesaria para España", dixo Zan, quen tamén recordou que en pleno confinamento a actividade produtiva en Alcoa foi declarada "esencial, o 30 de marzo".

"Seguimos sendo esenciais. Non se pode permitir que unha multinacional poña en perigo a toda a industria. Temos que ter unha solución a longo prazo. Ten que haber un acordo canto antes entre Liberty e Alcoa", engadiu.

Zan recoñeceu, de acordo coa información que manexa o comité de empresa, que as negociacións están a avanzar, pero ata que non haxa acordos "por escrito", é "igual que non ter nada". Dixo, ademais, que nas conversacións entre Liberty e Alcoa o comité non se vai a meter", pero si esixirlles aos gobernos de España e de Galicia que garantan "que esas negociacións cheguen a bo porto".

"Non imos parar de meter presión ata que teñamos por escrito unha solución", aclarou o presidente do comité. Asegurou, na mesma liña, que o comité ten "moi claro" que se a presión social continúa "o Ere non se vai a executar", senón que se vai a conseguir a continuidade da planta e a produción de aluminio primario e de transformación neste país". "Necesitamos ese aluminio para poder competir como país", concluíu. 

Comentarios