Traballadores de Vestas recibirán aos compañeiros que foron a Dinamarca

Os viveirenses están convocados para agradecer o esforzo do exciclista Alejandro Paleo e das persoas que o acompañaron
Paleo y Breixo, en la sede de Vestas. FACEBOOK
photo_camera Paleo e un dos compañeiros que o acompañaron ata Dinamarca. FACEBOOK

O comité de empresa da fábrica de aeroxeradores que Vestas ten en Viveiro convocou para a tarde do luns aos traballadores para darlles unha "calorosa benvida" aos tres compañeiros que viaxaron ata a sede da multinacional eólica en Dinamarca, na localidade de Aarhus, para entregarlles aos directivos da mesma unha carta na que lles piden que non pechen a factoría.

Alejandro Paleo, exciclista profesional, pedaleou durante case dúas semanas para percorrer os 2.800 quilómetros que separan a fábrica de Chavín da sede central de Vestas en Dinamarca, onde chegou o pasado venres e fixo entrega do documento aos responsables da multinacional que o recibiron.

Nese periplo, estivo acompañado por outros dous traballadores da fábrica, que viaxaron en coche para prestarlle asistencia en caso necesario.

O comité confirmou que a chegada deses tres compañeiros a Viveiro está prevista para a tarde do luns, polo que convocaron aos demais membros do persoal e á sociedade mariñá a darlles unha "calorosa benvida" no centro da localidade.

En concreto, o comité confirmou que logo desa "longa viaxe", os tres traballadores realizarán unha "parada" na Praza de Pastor Díaz, en Viveiro, ás 17.00 horas, antes de volver ás súas casas.

Comentarios