Os traballadores de Alcoa levan o seu 'calvario' ás portas da factoría

O comité de empresa pide á multinacional que amplíe un mes o período de consultas do Ere

Continúan as mobilizacións polo futuro da planta de Alcoa en San Cibrao, tan só un día despois da carreira simbólica na que máis de 500 persoas realizaron 1.591 quilómetros para unir forzas ante os plans da empresa de despedir máis de medio milleiro de persoas. Este martes os traballadores levaron ás portas da factoría o seu calvario, que representaron coa súa propia crucifixión nunha cruz pola que foron pasando varios empregados.

Nun acto no que recordaron que 'A Mariña está en loita', os traballadores tamén levaron á cruz un boneco coa cara do presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, mentres gritaban "Álvaro Dorado, primeiro ti ao paro" ou "Non estamos todos, falta Maroto".

Un traballador 'crucificado' ante Alcoa. CEDIDA

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao pediu á dirección da multinacional que prolongue durante un mes, como mínimo, o período de consultas do Ere que podería deixar na rúa máis de 500 traballadores da planta de aluminio primario.

De feito, a reunión que se ía celebrar en Lugo entre a representación dos traballadores e a dirección da multinacional quedou aprazada precisamente pola situación de urxencia sanitaria decretada na Mariña a causa do brote de coronavirus.

Por outra banda, o comité recoñece que necesita máis tempo para analizar a documentación que lle remitiu a dirección de Alcoa, "dada a cantidade de información que a empresa nos trasladou e a que aínda queda por enviar", precisa a representación dos traballadores nun comunicado.

Así mesmo, en relación co futuro da fábrica, o comité sinala que "a única prioridade sobre a que traballan" os representantes do persoal é evitar custe o que custe a paralización das cubas de electrolisis, conscientes de que iso sería certificar a defunción do centro de traballo. De feito, o comité avisa de que esa é "unha liña vermella" que baixo ningún concepto se pode traspasar.

Comentarios