Touriñán, Celso Sanmartín e Ledicia Sola farán rir este venres en Mondoñedo

A cita é ás nove e media na Alameda dentro do ciclo Cómicamente no que participan os mellores humoristas galegos
undefined
photo_camera Xosé A. Touriñán, durante unha actuación dentro do ciclo Cómicamente. EP

O ciclo Cómicamente chega este venres a Mondoñedo coas actuacións de Xosé Antonio Touriñán, Celso Sanmartín e Ledicia Sola a partir das nove e media da noite na Alameda dos Remedios. Aínda quedan entradas dispoñibles para esta cita coas risa. As persoas interesadas poden mercalas en comicamente.gal ou na web ataquilla.com a un prezo de 12, 15 ou 18 euros segundo a zona elexida.

As compañías Ainé Producións, Con de tres pés e Etiqueta Negra impulsan co apoio da Xunta e ao abeiro da programación do Xacobeo 21-22 este ciclo, que no caso deste venres en Mondoñedo promete "unha gran noite de humor" coa participación de tres dos mellores cómicos de Galicia.

O ciclo arrincou no Carballiño a finais de xullo e recorre distintas localidades galegas. Ademais de Mondoñedo, na provincia estará en Lugo cidade o venres 3 de setembro tamén con Xosé Antonio Touriñán, esta vez acompañado de Carlos Blanco, David Amor e Lucía Veiga, no paseo fluvial. Neste caso a velada completarase coa actuación da DJ hispanocubana Toccororo.

No ciclo participan outros humoristas galegos como Luis Piedrahita, David Perdomo, Carmen Méndez, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Pepo Suevos e Marta Doviro. Todos os espectáculos son en emprazamentos ao aire libre, cunhas "moi coidadas postas en escea" e respectando as medidas sanitarias vixentes.

Comentarios