Tomé envía á ministra as alegacións dos traballadores de Alcoa ao estatuto

O BNG tamén presentou as súas alegacións mentres que Conde insiste en que o texto "non ofrece solucións"
Instalaciones de Alcoa, en San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Instalacións de Alcoa, en San Cibrao. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, enviou á ministra de Industria, Reyes Maroto, as alegacións formuladas polos traballadores de Alcoa ao estatuto do consumidor electrointensivo, co obxectivo de que "as tome en consideración". 

Sobre esta cuestión, José Tomé recordou que a Deputación está "para atender aos veciños". "E os traballadores de Alcoa son veciños e, por iso, a institución provincial está ao seu lado para axudarlles a resolver os seus problemas", engadiu. 

O presidente provincial, que se reuniu esta semana con membros do comité de Alcoa, subliñou que a deputación "apoia as reivindicacións dos traballadores" e as reclamacións para que se manteña aberta a planta de Alcoa San Cibrao. 

No pleno do pasado mércores, a corporación provincial aprobou por unanimidade apoiar as alegacións dos traballadores e o presidente apostou por facer "unha democracia discreta entre todas as partes implicadas para sacar un acordo satisfactorio para todos". 

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reiterou este venres que o estatuto das electrointensivas presentado polo goberno de España "non ofrece solucións" ao sector e representa "a antesala do peche de Alcoa San Cibrao e enormes dificultades para outras empresas", talles como Celsa Atlantic en Laracha (A Coruña) ou Ferroatlántica. 

Nun acto en Ourense reiterou ao goberno de España que "escoite" a que é "unha voz única", non só da Xunta de Galicia, senón tamén doutras comunidades autónomas como Asturias ou Cantabria, que presentaron alegacións conxuntas para que o Executivo de Pedro Sánchez "rectifique". 

Conde recordou que "están en xogo os empregos industriais" e que "nestes momentos 5.000 familias están a esperar unha resposta agónica por parte do Goberno". Por isto motivo, valorou como "imprescindible" unha rectificación do goberno do PSOE e Unidas Podemos que "poña en marcha medidas reais e concretas que garantan a competitividade a través do prezo eléctrico". 

O BNG presenta as súas alegacións ao estatuto
Ademais, o BNG presentou este venres as súas alegacións ao proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos, entre as que pide bonificacións do 100% na peaxe de transporte enerxético para aquelas comunidades que, como Galicia, sexan "produtoras excedentarias". 

Nunha rolda de prensa na que tamén participou a parlamentaria autonómica Olalla Rodil, o deputado no Congreso Néstor Rego explicou que as alegacións dos nacionalistas pasan "por aproveitar todas as posibilidades" para rebaixar o prezo da enerxía nun estatuto que ve "insuficiente". 

No documento de alegacións, o BNG censura que Galicia teña un papel de produtor de electricidade "que non foi escollido" polos galegos, senón que é "froito de decisións alleas" que teñen a súa orixe na ditadura franquista. Neste sentido, e en vista de que a comunidade exporta "un 35%" da electricidade xerada", a formación lamenta que estes custos "de impacto social e ambiental" non revertan "ningún beneficio".

Comentarios