O recuncho de...

"Toda a actividade da parroquia xira arredor da igrexa"

Mari Rivera, presidenta da asociación Aturuxeiros de Bravos, eilixe o templo da súa parroquia natal como o seu recuncho en Ourol
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Mari Rivera coa igrexa de Bravos ao fondo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A igrexa da parroquia ourolesa de Bravos é un edificio que data de finais do século XVI e principios do XVII, aínda que ao longo dos anos sufriu varias reformas. "É un edificio moi bonito, do que destacaría a torre do campanario e a fachada principal", di dela Mari Rivera, axente comercial natural desta parroquia e presidenta dunha das súas asociacións, Aturuxeiros. "É o meu sitio de referencia e moi especial para min porque nacín preto dela e practicamente me criei arrredor dela porque era donde nos xuntabamos todos os nenos para xogar", explica.

E é que nos pobos pequenos "todo xira arredor da igrexa". "Son tantos anos de vida que é dificil quedarse con algún recordo en concreto porque no seu entorno tamén era onde os rapaces empezabamos a mocear", asegura Mari, que recoñece que agora sigue sendo escenario da actividade da parroquia e alí celébrase, por exemplo, o festival Aturuxo, "que tamén é un evento moi especial", que organiza Aturuxeiros e que este ano será o 29 de xullo.

A igrexa está adicada a Santiago, pero tamén conta cun altar dedicado á virxe de Fátima, con moita devoción na zona e que converte á igrexa nun santuario. A romería da Virxe data dos anos 50 e celébrase no mes de maio. "Recordo que cando eramos pequenos e había a novena viñamos todos xuntos á igrexa ao saír da escola", indica Mari que subliña que sempre foi unha romería con moita sona á que moita xente se achega andando. "Tivo uns anos que estivo algo decaída porque a fe está algo máis perdida, pero ultimamente está revivindo e vese algo máis de movemento e de peregrinos que chegan a pé", di.

Mari non só destaca a igrexa en si, senón todo o seu entorno que "é moi bonito". "Está ubicada no val de Bravos e só ten ao lado a casa reitoral, aínda que hai casas nos arredores; ten unha explanada e moita vexetación", describe, "tamén hai un regato preto e a escola un pouco máis abaixo".

Comentarios