Matamoros, xogador dos Peixes Rubén burela: "Temos que mellorar fóra"

Matamoros asume que levar só 3 puntos como visitantes é un dos lastres principais dos Peixes Rubén FS esta tempada â?? O pivote madrileño pide á afección que acuda ao partido ante o Inter para aumentar as posibilidades de dar unha sorpresa na Vista Alegre
photo_camera Matamoros, exercendo de porteiro-xogador en Levante. AMA

O Peixes Rubén Burela FS deu un paso atrás na progresión que mostrara nas últimas semanas ao perder por 6-1 na cancha do Levante. A pesar de comezar por diante no marcador, o conxunto mariñán se desfondó na segunda metade e estivo lonxe do equipo sólido e coas ideas claras que mostrara nas súas últimas aparicións de Liga, ante o Magna, e Copa, fronte ao O Parrulo.

O único gol laranxa conseguiuno Matamoros, que xa leva 12 dos 30 anotados polo conxunto laranxa na liga, unha cifra que representa o 40 por cento do total. Ao xogador non lle serviu de nada o tanto ao non estar acompañado de puntos para o equipo tras un partido no que os Peixes Rubén FS foi de máis a menos. "Entramos moi ben, enchufados, puxémonos por diante e a pena foi que tivemos varias ocasións para marcar algún gol máis e ampliar a vantaxe", asegura o xogador, que viu como os locais foron aos poucos sometendo aos mariñáns, chegando por diante ao descanso, cun tanto nos últimos instantes e anotando o 3-1 nada máis regresar dos vestiarios. Precisamente ese tanto cre Matamoros que foi clave para explicar a derrota. "Nos últimos 10 minutos do primeiro tempo eles apertaron, pero o gol que realmente nos fixo máis dano foi o terceiro, aos 30 segundos de volver do descanso. A un equipo como o noso, con problemas para ver portería con regularidade sempre nos adoita pesar máis ir por detrás no marcador", sinalou.

"Na pista do Levante empezamos ben, pero o 3-1 nada máis iniciarse o segundo tempo fíxonos moito dano"

O xogador confesa que o rendemento fóra de casa non é o que esperaban e cre que é algo que hai que mellorar para poder alimentar as opcións de permanencia. "Sabemos que en casa todos os equipos son difíciles de gañar, igual que a todos lles custa gañarnos a nós na Vista Alegre, pero sumando 3 puntos fóra de casa na primeira volta é difícil saír da zona baixa, xa que xogamos partidos como Córdoba ou Ferrol onde tiñamos que facer algo máis. Temos que dar un paso adiante fóra de casa porque agora teremos un calendario moi complicado na Vista Alegre", sinalou o xogador, referíndose aos próximos partidos ante o Inter, O Pozo e Barcelona, os tres grandes que visitarán o Vista Alegre.

ESTREO. O partido supuxo a estrea coa elástica laranxa dos dous primeiros reforzos invernais, Xande e Pixote, á espera de que chegue o terceiro, que aínda se atopa en Brasil. Os dous xogadores tiveron escasa presenza aínda no partido ante o Levante, aínda que Matamoros espera que poidan axudar ao equipo en próximos compromisos. "Están aínda en fase de adaptación a un novo país, a un novo club e a unha Liga tan esixente como a española. Viñan de non competir e están a coller ritmo, ademais de ir aos poucos entrando na dinámica do equipo. O ritmo que ten esta competición é alto e eles viñan dun período vacacional, así que necesitan un tempo, pero seguro que nos axudarán nesta segunda volta", dixo.

"Xande e pixote están aínda en fase de adaptación a un novo país, ao club e a unha Liga tan esixente como a española"

Tanto Matamoros como o resto dos seus compañeiros preparan xa o partido ante o Inter Movistar, líder do campionato e no que ademais xogou o madrileño. "Sabemos o que é Inter e o difícil que é gañarlle porque aí están os seus números na liga, pero xogamos en casa e na Vista Alegre nunca renunciamos a poder gañar. Espero que veña moita xente ao pavillón porque cando máis arroupados esteamos máis posibilidades teremos de dar a sorpresa", concluíu o xogador do cadro burelense.

Venda anticipada. As entradas do partido ante o Ínter poden retirarse xa

Os afeccionados que desexen presenciar os Peixes Rubén FS-Inter Movistar do próximo sábado (Vista Alegre, 18.30 horas), poden comprar xa as súas entradas na sede do club laranxa, en horario de oficina. O último día para adquirir as localidades de forma anticipada será o venres, ás 14.00 horas. 

Prezos 

Os socios adultos abonarán 5 euros, mentres que os mozos, entre 6 e 17 anos pagará 1 euro. Os non socios pagarán 20 euros, se son adultos, e 5 euros, en caso de ter entre 6 e 17 anos. Os menores de 6 anos entrarán gratis, pero retirarán a entrada.

Comentarios