"Temos que facer que a vida rural non desapareza. Os nenos son o futuro de Trabada"

Mayra García puxo en marcha un programa de axudas para fomentar a natalidade, o asentamento de novas familias no concello e con iso agarda conseguir que a Xunta non peche o colexio municipal

Mayra García. AMA
photo_camera Mayra García. AMA

O Concello de Trabada ofrece vivenda gratis a familias con dous ou máis fillos con idades comprendidas entre 3 e 6 anos, coa obligatoriedade de asentarse neste concello mariñano, de pouco máis 1.100 habitantes, e escolarizar aos cativos no Ceip plurilingüe Celso Currás. O obxetivo desta iniciativa municipal é a supervivencia deste centro educativo, que podería verse abocado á desaparición ante a escaseza de alumnos. De cara ao próximo curso, unicamente formalizaron a matrícula dous nenos cando o cupo mínimo esixido pola Xunta é de seis. A alcaldesa, Mayra García, é consciente de que non pode permanecer de brazos cruzados ante esta situación.

Por que é tan importante para Trabada a supervivencia deste centro plurilingüe?
No colexio, dado o ambiente familiar, ofrécese unha atención personalizada e foméntase a integración do alumnado. En definitiva, un centro implicado para que os nosos nenos e nenas teñan as mesmas posibilidades que nas vilas más grandes. Nós non somos un número. Temos que facer que a vida no medio rural non desapareza. E para iso precisamos de máis servizos.

¿Que liña de traballo seguen os alumnos do centro Celso Currás?
Activa e interdisciplinar, fomentando o coñecemento e defensa do medio rural e de hábitos ecolóxicos e alimentación saudable. Ademáis, o centro vén de convertirse e plurilingüe, e conta cun auxiliar de conversa de nacionalidade británica e o vindeiro curso será de orixe estadounidense.

Entón, falamos dun centro que sempre busca novas vías de formación para os seus alumnos?O centro Celso Currás participa en todos os programas deseñados pola Deputación, tanto culturais como medio ambientais. Así como en programas de prevención de drogodependencia e xornadas interculturais con outros centros. Así mesmo traballan o Plan Proxecta na modalidade de Aliméntate Ben. Están inmersos en programas de formación do profesorado no extranxeiro dentro do Erasmus +, fomentan o espírito emprendedor co Plan Atrévete de Formación do Profesorado de 5º e 6º, e realizan saídas e actividades complementarias.

O chamamento tamén inclúe ás familias que xa viven en Trabada, non é así?
Dende o goberno municipal levamos catro anos para ofrecerlles servizos ás familias, cos programas de conciliación que facemos durante o curso escolar tódalas tardes, cos campamentos de verán ou coa aposta que estamos a facer para contar cun Punto de Atención á Infancia, para nenos de 0 a 3 anos.

"O Celso Currás é unha unidade multidisciplinar e fomenta o coñecemento e defensa do medio rural"

¿Que lle pide á Xunta de Galicia, en referencia a este centro plurilingüe?
ídolle a Administración autonómica que non peche a unidade porque, xa que a escola pública rural é fundamental para manter o futuro do rural, e tendo en conta que hai empadroados máis dunha ducia de nenos menores de tres anos, nos dé un marxe e sume esforzos para evitar entre todos que os nosos veciños perdan servizos.

¿Cando se poderán ver as bases publicadas?
Nos vindeiros meses publicaranse as bases de axudas ás familias, coma xa sucedera nos dous anos anteriores, de fomento da natalidade, ofrecendo 800 euros por nacido e familia empadroada. 400 euros ao nacer e 400 euros máis no momento de escolarizarse no colexio público de Trabada. A isto hai que engadir ás axudas para a compra de material escolar nos cursos de educación infantil no centro plurilingüe Celso Currás da localidade.

O Concello de Trabada tamén oferta vivenda gratuíta para as familias que desexen mudarse a zona. Incluso algúns empresarios ofertaron traballo?
Ás veces custa moito formar a traballadores e despois botan pouco tempo na empresa. Co asentamento das familias pódese amortizar o gasto derivado da formación.

O Concello tivo en conta aos veciños de idade máis avanzada?
O Concello incrementou en máis de 500 horas ao mes as axudas no fogar e abriu unha residencia de anciáns para que teñan garantida atención sempre que a precisen.

O futuro dos concellos pequenos pasa polos nenos?
Sen dúbida, son a nosa razón de ser. Sen eles non teremos futuro; por iso sempre temos propostas novas como axudas para fomentar a natalidade ou campamentos de verán. A Xunta de Galicia tense que dar conta que precisamos duns maiores orzamentos para o medio rural debido á grande dispersión xeográfica que sofre Galicia desde sempre, como é o exemplo do subministro de auga aos núcleos de poboación.

Comentarios