A supresión do tren de media tarde deixa a varios viaxeiros sen transporte

Cinco persoas que estaban no apeadeiro de San Cibrao foron trasladadas en taxi ata Burela e Foz, que eran os seus destinos
2019073111451795246
photo_camera Viaxeiros collendo un autobús, na estación de Burela. IRIA L. V.

O servizo de tren na comarca segue sumando atrasos, cancelacións e queixas dos usuarios. Este martes, a supresión do tren que pasa a media tarde deixou sen transporte a varios viaxeiros que esperaban por el, na súa maioría para desprazamentos dentro da comarca. "Non podes contar con este servizo, porque non sabes cando o hai e cando non", explicaron algúns dos afectados.

No apeadeiro de San Cibrao quedaron esperando cinco persoas: unha con destino a Foz e unha familia con dous nenos pequenos que viaxaba a Burela. "Chamamos ao teléfono de atención é dixéronnos que nos mandaban un taxi para que nos trasladase ao destino", explica un dos afectados, que subliña que lle comunicaron a presenza de dous nenos pequenos para que os vehículos viñesen equipados coas correspondentes cadeiras para o seu transporte. "Sen embargo cando chegaron non traían as cadeiras e volvemos a chamar, porque non podemos viaxar sen seguridade para os nenos", engade. A resposta neste caso foi que deberían esperar tres horas á chegada doutro taxi con cadeiras desde Ferrol. Ante esta situación, un dos taxistas foi á súa casa a por unha cadeira de bebé para que puidesen viaxar.

A situación na estación de Burela non era moito mellor, posto que varias persoas tiñan que esperar a que chegase un autobús para que os transportara e esperábase que non chegase antes das oito da tarde.

Ante isto, algúns pasaxeiros optaron por viaxar directamente en autobús collendo a liña que cobre o traxecto entre Ribadeo e Viveiro a diversas horas.

Situacións como esta provocan que o servizo de tren perda viaxeiros e esta baixada implica á súa vez que non haxa investimentos para mellorar o servizo. A problemática retroaliméntase e o servizo ferroviario na comarca segue deteriorándose.

Comentarios