Un sol ilumina á Virxe en San Cibrao de Vieiro

O artista David Catá elaborou unha nova pintura para o teito da igrexa que complementa á que xa realizou hai tres anos para adornar a súa cúpula
2020070912313936122
photo_camera O creador vivariense durante a montaxe da pintura, na igrexa de Vieiro. DAVID CATÁ

O artista vivariense David Catá completou a obra realizada hai tres anos na igrexa parroquial de San Cibrao de Vieiro, da que é párroco Luís Piñeiro Hermida. O creador multidisciplinar pintou unha nova obra para complementar a pintura realizada entón e que sufragou o filántropo de orixe vivariense Antonio Abril Abadín, quen asumiu o custo da coñecida como cúpula Pulchra ut, na que representou á Virxe no medio dun gran ceo, sobre a escena da Salvación, que figura no seu parte inferior e baixo un ceo estrelado que domina a parte superior.

O encargo partiu da parroquia, sendo o propio párroco quen contactou co artista xa o ano pasado para solicitarlle a continuación da obra, debido á gran acollida que tivo a anterior.

Catá explica que esta obra se realizou nunha superficie aproximada de 27 metros cadrados para decorar o teito anexo á cúpula do citado templo vivariense. O autor sinala que a pintura "dialoga coa mesma visual e conceptualmente". Para lograr isto, o artista pintou un gran sol situado no centro dun ceo azul que aos poucos se volve noite e que conecta coa pintura realizada previamente na cúpula.

A nova obra realizada en óleo titúlase Electa ut, o que significa Resplandeciente como o sol, dado que ese é o astro que ilumina a imaxe da Virxe que preside a pintura realizada na cúpula hai tres anos.

A montaxe desta nova obra motivou que o artista tivese que empregar un mes de traballo no interior da igrexa, tempo que se suma ao labor efectuado antes no seu estudo de Viveiro para a creación da pintura que xa decora o teito do templo. "O verán pasado preparei as táboas e no proxecto investín uns dous meses, aínda que durante a montaxe houbo que facer retoques e pintar de novo, porque non é igual que velo no estudo".

A inauguración oficial da nova pintura está prevista para o final do verán actual, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan.

Comentarios