Sogama licita por catro millóns a xestión das plantas de compost como a de Cervo

Os outros dous centros incluídos no contrato están en Verín e Vilanova de Arousa
Planta de biorresiduos de Cervo. EP
photo_camera Planta de biorresiduos de Cervo. EP

A Xunta, a través da empresa pública Sogamalicitou por un importe de 4,2 millóns a xestión das plantas de biorresiduos para a obtención de compost en Cervo, Verín e Vilanova de Arousa. 

O contrato, cunha duración de dous anos prorrogable de forma excepcional por outros nove meses, inclúe a operación, mantemento e limpeza das tres instalacións, así como a distribución e comercialización do compost elaborado a partir da materia orgánica. 

O obxectivo é elaborar compost de calidade a partir da materia orgánica depositada polos cidadáns nos colectores marróns municipais. O prazo para poder presentar ofertas estará aberto ata o 1 de abril, segundo informa o Goberno galego nun comunicado. 

Sogama prevé que a xestión integral destas plantas, cunha capacidade conxunta para tratar 21.000 toneladas de materia orgánica e 7.000 toneladas de estructurante -restos vexetais secos procedentes de podas, por exemplo- dea comezo unha vez conclúa a súa fase de posta en marcha, actualmente en mans das empresas adxudicatarias da súa construción.

Neste sentido, o calendario que se manexa é o próximo 1 de xuño para a de Cervo; o 1 de xullo no caso de Verín; e o 2 de novembro para a de Vilanova de Arousa. 

En concreto, Sogama completou no ano 2023 unha rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica con 17 instalacións repartidas por Galicia. 

Comentarios