Sogama adxudica a planta de biorresiduos de Cervo por case 6,4 millóns

Será construída no polígono industrial de Cuíña, nunha parcela de case 8.000 metros cadrados e dará servizo a quince municipios
La conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, junto con el alcalde de Cervo, Alfonso Villares, durante la presentación del proyecto. CEDIDA
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, xunto co alcalde de Cervo, Alfonso Villares, durante a presentación do proxecto. CEDIDA

Sogama adxudicou por un importe de 6.383.949 euros a obra de construción e a posta en marcha dunha planta de biorresiduos no municipio lucense de Cervo, na Mariña, á UTE formada por Espiña Obras Hidráulicas, S.A- Geoxa e Xeneral de Construcións, S.L.

Segundo a información facilitada pola empresa pública, esa planta de biorresiduos formará parte da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta de Galicia para que a maior parte dos municipios adheridos a Sogama poidan acceder aos procesos para pór en valor a materia orgánica, de modo que dispoñan dunha instalación deste tipo, ou de transferencia, a menos de 50 quilómetros de distancia.

A nova planta será construída no polígono industrial de Cuíña, nunha parcela de case 8.000 metros cadrados. Cando entre en funcionamento dará servizo a quince municipios galegos –á práctica totalidade dos concellos da comarca da Mariña e ao coruñés de Mañón–.

En total, dará servizo a unha poboación de 69.300 habitantes, a que suman os municipios de Cervo, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mañón, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

As novas instalacións realizarán todo o proceso de compostaxe, con capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica cada ano, ademais doutras 1.600 de "materia estructurante", como restos de madeira e de podas.

Producirá ao redor de 1.500 toneladas de compost, que serán utilizadas como fertilizante natural polo sector da agricultura e a gandería.

A rede de infraestruturas deseñada pola Xunta está formada por 17 instalacións: catro plantas de biorresiduos –unha por provincia–, apoiadas por 13 plantas de transferencia.

Comentarios