sábado. 24.08.2019 |
El tiempo
sábado. 24.08.2019
El tiempo

Os socorristas rescataron a seis persoas en tres areais de Barreiros

Foto de arquivo da praia de Remior. A. T.
Foto de arquivo da praia de Remior. A. T.

As correntes arrastraron a un bañista en Remior ao que trataron de axudar outros tres, tamén levados polo mar

Os socorristas tiveron unha tarde atareada este domingo en Barreiros, onde realizaron tres rescates. O primeiro produciuse cara ás tres da tarde na praia de Remior, que non conta con vixiantes nin con bandeira indicativa do nivel de perigo das súas augas, e á que tiveron que desprazarse os que controlan a de Coto, así como a zódiac que está de xeito permanente nos areais e que foi a que finalmente logrou achegar a terra aos bañistas.

A praia de Remior, onde se produciu un dos rescates, non conta con socorristas

Un dos usuarios atopouse con problemas por mor das correntes e outras tres persoas que se achaban no areal trataron de axudarlle. Ao final os socorristas tiveron que rescatar aos catro, dado que tamén se viron arrastrados polo mar.

Os vixiantes socorreron ademais durante a tarde a un par de bañistas nas praias de Lóngara e de Coto, arrastrados igualmente polas correntes mar dentro. Os rescates efectuáronse sen maior problema, segundo destacou o responsable do servizo.

QUEIXAS. Usuarios de areais barreirenses expresaron este domingo o seu malestar por que algunhas praias, citaron en concreto as de Cantil e Remior, non conten con servizo de socorrismo, debido á importante cantidade de veraneantes que acode a esas praias, boa parte procedente da provincia. Os usuarios apuntan que en días pasados houbo socorristas, pero onte pola mañá non contaban con vixiantes.

Os veraneantes apuntan que se rexistraron catro incidencias importantes, algunha das cales afectou a un neno, polo que alertaron ao 112 e pola tarde apareceu á entrada do areal un cartel indicando que non dispuña do servizo. Algúns areais de Barreiros quedaron sen socorristas tras a reorganización do servizo realizada polo novo goberno local que reduciu horas extra para que poidan descansar un día á semana.

Por outra banda, os socorristas atenderon a sete persoas por picaduras de ariegos e realizaron curas a outras nove.

Os socorristas rescataron a seis persoas en tres areais de Barreiros
Comentarios