sábado. 17.08.2019 |
El tiempo
sábado. 17.08.2019
El tiempo

Socorristas de Barreiros deixan de vixiar algunhas praias ao non ter horas extra

Praias do litoral barreirense. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Praias do litoral barreirense. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O Concello non destinará 10.000 euros a maiores ►A alcaldesa di que cumpren a lei con 37,5 horas

A reorganización do servizo de socorrismo nas praias de Barreiros xerou a primeira controversia entre o goberno municipal e os vixiantes dos areais, quen consideran que variaron as súas condicións laborais mentres a alcaldesa sostén que se manteñen nas 37,5 horas fixadas por lei e que unicamente se suprimen as horas extraordinarias.

Esta medida suporá o aforro duns 10.088 euros para as arcas municipais por 62 días de traballo e a outra consecuencia é que varias praias non disporán do servizo. Trátase de San, Anguieira e A Pasada -que xa non tiñan-, Altar, Coto, Arealonga (Reinante) e Cantil.

Os socorristas alegan que o cambio implica botar por terra a proposta acordada antes do inicio da tempada co Concello e engaden a carencia de material, o que deriva en falta de seguridade para eles e os bañistas. Citan a falta de casetas, carteis para acoutar as zonas de baño perigoso, billas de auga potable e aseos portátiles de uso público.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida (BNG), asegura que é "inasumible" afrontar un "custo tan alto, que sería practicamente a metade do que destina o Concello a contratar socorristas -26.031 euros durante dous meses-". Das sete prazas que ofertou, a entidade logrou cubrir seis, cifra á que se engaden os oito subvencionados pola Xunta. As horas extra dos 14 corren a cargo do Concello, que só abonará as 4,5 do medio día de descanso adicional ao día semanal libre, que sufragan co custo do socorrista que non puideron contratar.

"O anterior suporía non ter descanso, traballar de luns a domingo, os sete días da semana. Non podemos destinar 10.000 euros a horas extra, non é economicamente viable nin é posible legalmente, pois superase o límite de 80 horas permitido pola lei", explica a rexedora nacionalista, quen engade que a praia de Coto contará con posto de primeiros auxilios con vehículo asistencial e que a zódiac estará de xeito continuo na auga controlando calquera incidencia que poida xurdir nos areais.

Socorristas de Barreiros deixan de vixiar algunhas praias ao non...
Comentarios