Unha sociedade que mira de fronte ao mar

Burela leva desde febreiro de 2021 desenvolvendo actividades no marco do proxecto Tanza, que reúne entidades sociais e do mundo mariñeiro. Este ano traballan nun concurso de expresión artística e nunha exposición itinerante.
Recogida de residuos en la playa. EP
photo_camera Recollida de residuos na praia. EP

"Como concelleira de mar e servizos sociais quería facer algunha actividade que axuntase forzas entre entidades sociais e mariñas e facer un proxecto que deixara pegada na nosa vila", así resume a concelleira burelense Carmela López o motivo polo que o Concello se sumou ao proxecto Tanza, que se desenvolve noutros municipios do litoral galego. O obxectivo que se marcou Burela, inmersa no proxecto desde febreiro de 2021, foi desenvolver un proxecto que poña en valor o traballo das entidades sociais fomentando o seu achegamento ao sector pesqueiro.

As principais actividades que se enmarcan neste proxecto céntranse nun programa de expresión artística para a decoración da localidade e na creación de talleres de innovación de produtos con residuos que deixa o traballo coas redes de pesca.

Recollida de residuos na praia (arriba), presentación dos artigos elaborados na primeira fase do proxecto e algúns deles.
Algúns dos artigos elaborados. EP

Na primeira fase do programa, desenvolvida o ano pasado, os usuarios da fundación Eu Son e da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña elaboraron diversos artigos utilizando sobre todo redes. "Coas actividades desa primeira anualidade, os participantes coñecéronse, traballaron en equipo e conseguiron sacar adiante produtos que hoxe serven como artigo institucional para o Concello", explica López, que mostra a súa satisfacción polo resultado dos talleres que se desenvolveron.

Para este ano xa están a traballar no que será a elaboración dunha obra artística no muro da antiga fábrica conserveira situada á entrada do porto, que foi cedido pola confraría de pescadores para esta actuación. Para executar esta obra ao longo deste mes de febreiro publicaranse as bases reguladoras do concurso Burela Inclusiva, ao que os participantes poderán presentar un máximo de tres propostas.

Este mes sairán as bases para un concurso co que se decorará o muro da antiga conserveira na entrada do porto

"A obra presentada simbolizará a conexión da vila coa actividade mariñeira e para manter coherencia co espazo no que se situará, nas propostas presentadas deben aparecer elementos relacionados coa actividade conserveira", explica a concelleira, que subliña que para a elaboración da obra será esencial empregar nasas ou redes, entre outros produtos vinculados ao mar, e tamén restos da antiga fábrica de Gres Burela, situada xusto enfronte do mural. "Teremos unha xornada cos artistas interesados para que poidan coñecer o material co que contan", asegura López, que destacou que a intención da obra é que o muro "fale do que fomos e de onde vimos".

Ademais desta obra están a traballar en montar unha exposición itinerante cos residuos recollidos nas praias da comarca pola asociación A Mariña sen Plástico e as entidades sociais que forman parte do proxecto "para concienciar sobre a realidade da nosa costa en canto ao impacto humano sobre o medio mariño".

Xunto a Eu Son e a asociación de axuda ao enfermo mental forman parte desta iniciativa a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas (Afan), A Mariña sen Plástico, as redeiras de Cabo Burela, a fundación Expomar e a confraría de pescadores.

Deste proxecto está a gravarse un vídeo e está previsto un evento de presentación no mes de xuño.

Comentarios