O Sindicato Labrego denuncia "opacidade" da Xunta nas decisións sobre a praga da pataca

Tamén sinala a "inexistencia dunha fonte transparente de datos sobre as capturas" da polilla guatemalteca
Una plantación de patatas, con una trampa para la polilla. JOSÉ Mª ALVEZ (AEP)
photo_camera Unha plantación de patacas, cunha trampa para a polilla. JOSÉ Mª ALVEZ (AEP)

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia "opacidade" da Xunta nas decisións sobre a praga da pataca. Critica que se descoñece que datos motivan a apertura nuns municipios e o mantemento do peche noutros. 

Sobre o recente levantamento da prohibición de plantar pataca nalgúns municipios da Mariña, o Sindicato Labrego lamenta que esta decisión "seguiu o mesmo procedemento que o da imposición da mesma e a súa prórroga durante estes catro anos pasados: a opacidade". 

Tamén di descoñecer por que se emprega o límite municipal fronte ao parroquial á hora de abrir e pechar territorios, xa que denuncia a "inexistencia dunha fonte transparente de datos sobre as capturas" da polilla guatemalteca

E é que reproba que a Consellería de Medio Rural non incluíu ás organizacións agrarias "nin no deseño da estratexia nin no seu seguimento", mentres "tampouco foron incluídas as explotacións que se dedican profesionalmente á produción de pataca". Ademais, quéixase de decatarse polos medios dos últimos levantamentos sen "ningunha información oficial". 

Por todo iso, o SLG pide a Medio Rural que publique os datos da mostraxe de 2020 que xustifican o mantemento do peche na maioría de concellos da Mariña, á vez que demanda unha maior "cooperación e transparencia" en beneficio do agro. 

Comentarios