Un simulacro para evitar sustos en situacións de perigo nas praias

Os servizos de socorrismo de Ribadeo ensaiaron salvamentos en As Catedrais e outro en Os Castros e As Illas
2019080213303197695
photo_camera Os socorristas atenden ao bañista en apuros, nas Catedrais. AMA

Os servizos de socorrismo e salvamento do Concello de Ribadeo realizaron o xoves nas praias máis visitadas do municipio, as de As Catedrais e Os Castros-As Illas, todas elas na parroquia de A Devesa, senllos simulacros de salvamento coa intención de telo todo perfectamente engrasado no caso de que se produza unha situación de apuro real e, deste xeito, reducir o tempo de actuación e aumentar a eficacia en todo o posible. Os supostos nestes simulacros foron o mesmo: persoas en apuro na auga aos que arrastraba a corrente.

No caso da praia de As Catedrais participaron catro socorristas e un técnico sanitario ademais do coordinador. Neste caso empregaron pouco máis de tres minutos e medio en sacar da auga ás vítimas.

Despois aplicouse o agravante de que o atendido entraba en parada cardio respiratoria e foi atendido na propia area, onde ademais foi xa inmobilizado para telo preparado para a chegada do persoal médico.

Como é habitual nestas datas, eran centos de persoas as que había en As Catedrais e o concelleiro de medio ambiente ribadense, Jorge Díaz Freije, que acudiu aos simulacros xunto ao alcalde, Fernando Suárez, comentou que "moita xente seguiu de preto o simulacro, que rematou cun aplauso para o servizo de socorrismo".

Díaz Freije recordou que "todos os anos se fan este tipo de actuacións para estar preparados para unha emerxencia e quero salientar e agradecer os esforzos que están a facer tanto os socorristas como os técnicos sanitarios porque todo isto é complexo".

DIFICULTADES. Os responsables municipais ribadenses aproveitaron a ocasión para referirse unha vez máis ás dificultades coas que se atoparon para conseguir socorristas para a tempada estival: "sacáronse tres convocatorias para contratar socorristas e quedáronnos prazas descubertas, polo que a día de hoxe temos trece e deberíamos ter dezasete". Consideran polo tanto que a Xunta debería tomar nota desta situación "porque non é só do Concello de Ribadeo, pois vemos concellos de diferentes cores e signos políticos que están a pasar por unha situación moi parecida á nosa. Aquí intentamos facer as cousas ben, como sempre, pagamos máis que ninguén, subimos os soldos dos socorristas pero hai cousas ás que non podemos chegar. Entón invoco á Xunta para que tome medidas e seguiremos con este tipo de simulacros para estar preparados para unha intervención da magnitude que poida ser necesario levar a cabo aquí", apuntou Jorge Díaz.

Despois do simulacro de As Catedrais realizouse o de Os Castros e As Illas que tivo, como o anterior, un desenvolvemento e tempo de resposta satisfactorios.

Comentarios