O Servizo de Axuda no Fogar de Barreiros atende a sesenta usuarios

O obxectivo é posibilitar a permanencia das persoas na súa contorna de convivencia habitual. A plantilla deste departamento do Concello barreirense está formada por 23 persoas

Plantel do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Barreiros. AMA
photo_camera Plantel do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Barreiros. AMA

BARREIROS. "Ademais da comida e da limpeza o importante tamén é a compañía. A rapaza que eu teño, e que ven unha hora ao día, para mín é un anxo", di Ramiro, un dos usuarios do Servizo de axuda no fogar do Concello de Barreiros, que atende a 60 persoas do que 18 son de prestación básica e 42 son dependentes.

O departamento de Servizos Sociais do Concello conta cunha plantilla formada por unha traballadora social, unha educadora familiar, un administrativo e 20 auxiliares de axuda a domicilio, para un total de 23 traballadores. O que se pretende con este servizo "é posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual retardando ou evitando a institucionalización", di o alcalde, Alfonso Fuente Parga. "estas accións consisten en atencións de carácter básico (de carácter persoal e doméstico e da vivenda) e atencións complementarias como préstamo de axudas técnicas".

O rexedor popular sinala que "tendo en conta as características sociodemográficas do noso concello, dende o departamento de Servizos Sociais, lévase a cabo a tramitación de diversas axudas, como poden ser prestacións económicas para os diferentes colectivos en dependencia, discapacidade, drogodependencias, inclusión social, familia e infancia ou de muller, entre outros".

O programa préstase mediante unha xestión directa e abrangue os 72 quilómetros cadrados que ten o concello barreirense 

O alcalde advirte que "o programa de axuda no fogar préstase mediante xestión directa, cubrindo os 72 quilómetros cadrados que ten o concello e atendendo a un total de 60 usuarios, dos que 18 son de prestación básica e 42 dependentes. Hoxendía non existe lista de agarda en ningunha das dúas modalidades", aclara. Ademais, engade que "os servizos son prestados de luns a domingo de 07.00 da mañá a 22.00 horas da noite para a modalidade de dependencia e para a modalidade de libre concorrencia a prestación sé de luns a venres en horario de mañá".

Os servizos son prestados de luns a domingo para a modalidade de dependencia e de luns a venres para os de libre concorrencia

NA SÚA CASA. Ramiro é un dos usuarios que leva menos tempo co servizo, non como Arsenia, de 93 anos, que xa leva mais tempo: "Levo mais de ano e medio con este servizo e estou encantada, porque podo estar na miña casa en lugar de ir para unha residencia. Tanto eu como o meu fillo estamos moi contentos con esta axuda e co traballo que fan", asegura esta usuaria.

Comentarios