O Sergas oferta unha trintena de prazas para especialistas no Hospital Público da Mariña

Tamén saca dous de técnicos para o centro e catro de médico de Urxencias, ademais doutra de facultativo para a base do 061 en Foz
internet
photo_camera Hospital Público da Mariña. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas publicou este xoves no Diario Oficial de Galicia a relación de aspirantes seleccionados no concurso-oposición para cubrir distintas prazas no sistema sanitario galego, así como os destinos que oferta neste proceso. No caso da comarca para o Hospital Público da Mariña oferta unha trintena de prazas para especialistas.

As especialidades con máis prazas dispoñibles son Obstetricia e Xinecología con catro e Radiodiagnóstico con tres. As especialidades de Anatomía Patolóxica, Anestesioloxía e Reanimación, Aparato Dixestivo, Farmacia Hospitalaria e Oftalmoloxía dispoñen de dúas prazas cada unha. O resto de especialidades que oferta, cunha praza, son Cardioloxía, Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo, Medicina do Traballo, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía e Parasitoloxía, Nefroloxía, Otorrinolaringoloxía, Pediatría, Pneumoloxía, Psicoloxía, Psiquiatría, Reumatoloxía e Uroloxía. 

Ademais destas prazas de facultativos especialistas, a oferta do Sergas inclúe para o hospital mariñán un técnico de Farmacia e outro en laboratorio de diagnóstico clínico. 

Así mesmo na lista de destinos para elixir, na comarca ofértanse catro prazas de médico para urxencias hospitalarias e unha máis para a base do 061 en Foz, que é onde se atopa a ambulancia medicalizada que dá servizo á comarca. 

Comentarios