Sargadelos suma atractivos para o turismo cultural

O conselleiro de Cultura destacou o proxecto do conxunto museográfico
Visita de Román Rodríguez a Sargadelos. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Visita de Román Rodríguez a Sargadelos. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou este luns a fábrica de Sargadelos, en Cervo, onde está previsto poñer en marcha un conxunto museográfico ao redor da figura de Isaac Díaz Pardo e o seu legado.

Durante a súa estancia destacou que este novo proxecto funcionará "como un motor para impulsar o turismo cultural dentro da Mariña lucense, xa que permitirá ampliar a oferta da que poderán gozar todos os visitantes nesta zona ao mesmo tempo que se pon en valor algo tan característico da cultura e creación artística de Galicia como é a cerámica de Sargadelos".

Durante a súa visita o conselleiro estivo acompañado do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lourenzo; polo alcalde cervense, Alfonso Villares e a edil de cultura, Dolores García Caramés; o ata agora delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o conselleiro delegado da firma, Segismundo García.

Rodríguez puxo en valor que o espazo museográfico vaia permitir promocionar e divulgar o legado de Sargadelos, así como a vivenda de Isaac Díaz Pardo.

"Uns dos elementos máis destacados deste novo proxecto museográfico é a casa de Isaac Díaz Pardo, unha vivenda que forma parte do conxunto e que está incluída na declaración de Ben de Interese Cultural", aseguraron desde a consellería. "Tratar dunha iniciativa que coincide coa celebración do centenario do seu nacemento, unha efeméride que a Xunta de Galicia ten previsto conmemorar cunha exposición na Cidade da Cultura".

PROXECTO. Hai unhas semanas que Segismundo García pechou a adquisición da casa de Díaz Pardo, entre outras propiedades, coa idea de desenvolver este proxecto.

A idea é que este espazo permita ao visitante vivir unha experiencia completa cun guía incluído. Tamén está previsto que conte con bar e restaurante, presidio por un mural orixinal de Seoane, no que se poderán degustar pratos tan típicos como o polbo ou o caldo.

Nestes momentos xa están en marcha as obras.

Comentarios