Sargadelos lanza a súa nova aposta de futuro, un perfume unisex chamado Brétema

O aroma foi creado expresamente por perfumistas franceses e venderase ao prezo de 121 euros. A cadea Arenal distribuirá nos seus establecementos esta nova aposta da empresa

A fábrica de Sargadelos en Cervo acolleu este xoves a presentación da última aposta de futuro desta firma. Trátase dun perfume ao que denominan Brétema e que está pensado para a súa utilización tanto por homes como por mulleres. A fragrancia foi creada expresamente por perfumistas franceses a partir das orientacións ofrecidas polos responsables de Sargadelos.

A presentación do produto é en botes de cerámica de 85 mililitros cun deseño exclusivo propio de Sargadelos que se venderá ao prezo de 121 euros. Pódese adquirir xa na páxina web de Sargadelos e a partir do luns nos establecementos da rede de perfumerías Arenal.

Ao tratarse dun envase cun deseño especial, unha vez que se gastou pódese repoñer o perfume no mesmo bote, aínda que xa ao prezo de 39 euros.

Todo isto explicouse o xoves nunha presentación á que acudiron todos os traballadores da planta de produción de Cervo e unha representación do persoal da fábrica que a firma posúe en Castro de Samoedo (Sada), así como clientes e unha nutrida representación do tecido asociativo, empresarial e político da zona xunto ao responsable de Arenal Rafael Marzán ou o conselleiro delegado da empresa protagonista, Segismundo García.

A responsable creativa de Sargadelos, Sara Méndez, explicou sobre a concepción e desenvolvemento deste proxecto que "Galicia é un país de neblinas, de Brétemas, no noso idioma e son precisamente esas formacións nubradas que aparecen e desaparecen en calquera momento e lugar de xeito inesperado as que regalan maxia e misterio á nosa terra desde tempos inmemoriais. Interesados sempre en dar a coñecer ao mundo as nosas mellores peculiaridades materiais e inmateriais, pretendemos atrapar nun pequeno frasco de porcelana un dos fenómenos meteorolóxicos máis característicos de Galicia".

ELEMENTOS. No frasco aparecen gravados os catro elementos da natureza necesarios para que o procedemento cerámico teña lugar: lume, terra, aire e auga. "Isto, unido á nosa historia, dá como resultado un perfume único, inconfundible envasado nun recipiente cerámico excepcional feito a man e pintado no noso característico Azul Cobalto", apuntou a responsable creativa da empresa.

Comentarios