Sargadelos, atractivo único

Cervo reforzou a información turística, histórica e ambiental desta contorna natural
Alfonso Villares (izquierda), Mali Méndez y David Rodríguez, en Sargadelos. EP
photo_camera Afonso Villares (esquerda), Mali Méndez e David Rodríguez, en Sargadelos. EP

Sargadelos é un dos principais recursos turísticos de Cervo. Conscientes diso, desde o Concello apostan por esta contorna natural con melloras e proxectos que aumenten o seu atractivo e nos últimos días reforzaron a información turística, histórica e ambiental coa instalación de diferentes paneis adaptados ao espazo nos que se recolle toda a información necesaria para descubrir o espazo.

Os novos carteis, deseñados pola área de turismo municipal, identifican cada un dos elementos que compoñen o conxunto: o edificio das vellas caballerizas e a fundición, os antigos fornos, a senda botánica ou o Paseo dos Namorados. Toda a información ofrécese en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

En concreto instaláronse dous paneis grandes con información histórica e un mapa da zona, así como sinalización vertical respectuosa co medio. Tamén están colocados unha trintena de carteis que os visitantes poden atopar na senda botánica do monte da Escarabelada, un camiño de aproximadamente un quilómetro poboado de especies autóctonas. Ademais, colocouse un cartel informativo sobre o valor ornitológico da contorna e catro caixas niño no percorrido.

No marco destes traballos tamén se está levando a cabo o lixado, pulido e vernizado do mobiliario "para desfrute da veciñanza coa chegada agora do bo tempo e dous días festivos", destacaron desde o goberno local. Este mércores visitaron a zona o alcalde, Afonso Villares; o edil de turismo, David Rodríguez e a concelleira de medio ambiente, Mali Méndez.

Durante a súa estancia en Sargadelos, os responsables municipais destacaron o valor didáctico dos traballos que se realizaron nos últimos días e animaron a gozar de Sargadelos "como un espazo único ao aire libre para gozar en familia e entre amigos, sempre seguindo todas as medidas de prevención fronte ao covid-19 e respectando a contorna".

A riqueza propia do espazo complétase cos negocios do centro de emprendemento

OFERTA. Ademais da contorna natural e histórica que representa Sargadelos, unha visita a este espazo permite tamén achegarse ao centro de emprendemento e artesanía, o proxecto posto en marcha polo Concello para dotar de actividade económica o espazo.

Así, nestes momentos están instalados sete negocios. Hai un establecemento dedicado á fabricación e venda de táboas de surf artesanais Serea Surfboards, o taller creativo con tenda e estudo de tatuaxes Enigma, o centro ecuestre Cabaliño de Pao, o local de alimentación ecolóxica Marmeladas A Morena e o centro terapéutico rehabilitador Pasiños na Lúa. Tamén está o bar cultural A Sacabeira e, ademais, o edificio da antiga fundición está ocupado polo artesán Telmo Cao, que puxo en marcha un taller de forxa artística que espera ir ampliando.

A escasos metros do conxunto histórico tamén se atopa a fábrica de cerámica de Sargadelos, que conta cun programa de visitas guiadas en determinadas épocas do ano, tenda e cafetería.

Con esta unión de elementos, tanto veciños como visitantes poden gozar dunha oferta completa nunha contorna natural excepcional.

Comentarios