A Sareb renovará os contratos dos pisos que están protexidos en Burela

O director do IGVS mantivo  un encontro cos responsables da sociedade, que lle garantiron que prorrogará os contratos dos inquilinos que estean á corrente das súas obrigacións e sigan cumprindo os requisitos de acceso a este tipo de vivendas
EDIFICIO EN BURELA QUE SERA DESAUCIADO POR POR LOS DUEÑOS DEL EDIFICIO AL ESTAR TODOS EN REGIMEN DE ALQUILER EN LA SAREB
photo_camera Edificio afectado. JOSÉ M ª ÁLVEZ

A Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, máis coñecida como Sareb, renovará os contratos de aluguer das vivendas protexidas localizadas no número 6 de cálea Mar Cantábrico de Burela. 

Así o confirmou onte o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, tras manter un encontro con responsables da sociedade. Segundo o propio García explicou aos afectados, renovaranse os contratos daqueles inquilinos que se atopen á corrente das súas obrigacións  e que sigan cumprindo os requisitos esixidos para acceder a unha vivenda de aluguer en réxime de protección. 

Para verificar estes datos, a Sareb remitirá ao IGVS os datos das vivendas alugadas para que este verifique o cumprimento dos requisitos establecidos no plan conforme ao que foron cualificadas de protexidas. "Tanto a revisión como o visado dos contratos é unha competencia do IGVS que se realiza sempre que se asinan ou prorrogan os alugueiros de vivendas protexidas, tal como establece a normativa vixente", explicaron onte desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, desde onde tamén subliñaron que mentres se realizan estes trámites "os inquilinos poderán continuar nas referidas vivendas coas condicións establecidas". 

Os veciños poderán continuar nas súas vivendas mentres se verifican os contratos actuais

Neste sentido, desde a Xunta insistiron en demandar ao Goberno central "o cambio urxente" do criterio con relación aos contratos de aluguer en edificios propiedade do Sareb "co fin de evitar situacións de desprotección e incerteza entre as familias". 

Pola súa banda os veciños mostraron  o seu alivio pola resolución da situación a poucos días de que expirase o prazo para abandonar os seus pisos e agradeceron a mediación do director do IGVS e tamén do portavoz do PP local, Manuel Rouco. "A partir de hoxe (por este xoves) teñen que poñerse en contacto connosco para comunicarnos a nova situación e se non o fan, temos que volver avisar ao IGVS", aseguraron e subliñaron que segundo nos indicaron amañarán os danos non edificio".  Con respecto aos veciños que poidan non estar ao día das súas obrigacións, aseguran que algúns deles xa se marcharon. 

Máis en A Mariña
Comentarios