Sara Méndez: "Sargadelos é un produto industrial pero con gran vocación artística"

A xefa de deseño da máis famosa empresa de cerámica galega analiza o seu momento actual, no que teñen setenta físicas pero engade que están vendendo online a todo o mundo. Di que teñen unha identidade diferenciadora
Sara Méndez Toriza.
photo_camera Sara Méndez Toriza.

Malia que o seu é o deseño, fala con soltura da estratexia empresarial e de como Sargadelos abrangue cada vez máis nun mercado moi complexo.

Falou en Taramundi de tradición local nun mundo global. Aínda se pode falar dunha tradición local falando de Sargadelos?

Seguimos querendo dar a coñecer a idiosincrasia da nosa terra, o noso talento. En definitiva, exportar ao mundo a nosa singularidade, ben sexa dende dentro (a través do noso equipo de deseñadores) ou mediante colaboracións.  Nun mundo globalizado é moi importante para unha marca ter unha estratexia de diferenciación, intentamos que non se perda algo tan difícil de construír como é unha identidade propia. A estratexia da marca e a dixitalización conseguiron darlle maior visibilidade ao noso produto, e poder chegar a máis lugares e persoas. Actualmente temos máis de setenta puntos de distribución nacionais e internacionais, vendemos a través da nosa tenda online a practicamente todo o mundo, os nosos produtos están expostos no MoMA de Nova York; todo elo é un bo exemplo de que o mundo globalizado aprecia a nosa diferenza.

Outra charla dese ciclo falou de Artesanía contemporánea. Metería a Sargadelos nesa definición? 

Non exactamente. Como unha empresa contemporánea si que nos definiría porque o noso labor realízase na actualidade e bebe diretamente das correntes modernas tanto diseñística como tecnolóxicamente, e sen esquecer o noso bagaxe histórico. O que non faría sería definir Sargadelos unicamente  como artesanía. Para ser mais concretos poderiamos dicir que Sargadelos é un produto industrial cun gran compoñente artesanal e cunha eminente vocación artística. Con isto quero dicir que se trata dun produto que nace dunha forma consciente e estudada e para satisfacer unhas necesidades concretas e que se fabrica de forma seriada, pero que á súa vez é innegable o gran carácter artesanal que ten a nosa produción, con moita mán de obra experta que se foi formando de xeración en xeración. E desde logo a intención artística está sempre presente, creamos pezas que buscan trascender do meramente formal ou utilitario para ser referentes universais.

Como responsable de deseño en Sargadelos, hai que pensar moito os movementos que se dan ou os cambios que se asumen para conseguir manter unha liña?

O rumbo de Sargadelos márcao a direción, os equipos traballamos para poder contribuír a conseguir éxito e recoñecemento de marca.  O éxito de Sargadelos é o orgullo e a motivación para todos aqueles que traballamos día a día na empresa. As tendencias de consumo están cambiando como consecuencia da irrupción das xeracións máis novas, que empezan a ter un peso importante na sociedade, queremos coñecelos e entendelos mellor, saber cales son as súas necesidades para así poder ofrecerlles un produto dirixido a eles. Neste aspecto traballamos para adaptar a nosa oferta ás novas funcionalidades e demandas.

Díaz Pardo deixou unha enorme biblioteca que utilizaba para traballar nos seus deseños. Isto agora é máis sinxelo. O exceso de información complica a cousa ou simplemente se traballa dun xeito diferente?

A información é fundamental. Cando iniciamos un novo proxecto, hai un labor previo de procura de documentación moi importante, e esta investigación non só se fai en internet, senón que recorremos tamén a publicacións físicas . É evidente que as cousas agora son máis sinxelas. De todas maneiras, hai que saber xestionar a sobreinformación e depurar ben os contidos. Unha das singularidades da nosa marca é que elaboramos produtos con historia. Os deseños de Sargadelos acompáñanse dun relato onde se explica a orixe e significado da peza, polo que é preciso estar ben documentados.

Apostaría a que distinguiría sempre o azul cobalto entre catro ou cinco parecidos? 

Non o podo garantir ao 100%, pero case… Para min o azul de Sargadelos é único! Ademais vai da man de deseños característicos que veñen definidos polas técnicas de produción coas que se elaboran e cos que estou moi familiarizada.

As copias que sufre Sargadelos son unha mostra do seu éxito? Hai forma de remedialas? 

No fondo, que te copien quere dicir que algo estamos a facer ben. A xente copia o que gusta, o que triunfa e o que funciona. O que seria moi mala sinal é  que fósemos nós os que nos adicáramos a copiar. Na actualidade é moi complicado evitar todo iso. Ves marcas importantes que gastan moito diñeiro en frear as réplicas e non conseguen ter demasiado éxito. Nós, por sorte, temos un produto bastante característico, de moi boa calidade e que precisa duns coñecementos, dunhas materias primas, e dunhas tecnoloxías que non son nada sinxelas de acadar. Resulta complicado suplantarnos e un ollo que está de ver Sargadelos identifica facilmente o produto falso. Por outra banda, o que si que pode resultar mais sinxelo. e vemos que ocorre bastante, é o de tratar de imitar a nosa estética. Moitas veces cando se quere reflexar a identidade galega nun produto tírase de estética Sargadelos empregando as nosas cores ou formas características, a maioría das veces sen o noso consentimento ou aprobación. Isto tamén pode ter unha lectura positiva porque vemos que a xente nos percibe como unha imaxe identitaria de Galicia. Todo isto é moi difícil de remediar  e procuramos estar atentos a que ninguén se aproveite da nosa imaxe e do noso traballo, pero tamén nos enorgullece saber que estamos aí e que somos un referente.

Comentarios