Sanidade intensifica os rastreos en A Mariña e os casos pasan xa de 60

Feijóo situou a orixe "en dous ou tres bares" burelenses, xa pechados, nos que "todos os camareiros estaban infectados"
ZONA DE LA TOMA DE MUESTRAS DEL COVID _19 A PACIENTES QUE VAN EN COCHE O ANDANDO A HACERSE EL MUESTREO EN EL HOSPITAL DE A MARIÑA DE BURELA
photo_camera Un paciente e un sanitario, no hospital de Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Sanidade intensificou os rastreos de contactos no brote de Covid-19 de A Mariña, que este xoves superou xa os 60 positivos. Aínda que afecta a varios concellos, crese que a orixe se atopa en Burela, que é o municipio onde se contabilizan máis casos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, situouno concretamente en "dous ou tres bares da zona do porto". Explicou que non se trataba dun "problema xeneralizado" na comarca senón deses establecementos, agora pechados, que tiñan "os camareiros case todos infectados".

Tamén admitiu que o Sergas se atopou con dificultades para someter a probas a persoas que mantiveran un contacto estreito con algún caso positivo. Explicou que, durante o rastrexo, algúns negaban estar co paciente xa diagnosticado, aínda que este identificounos como contacto e pediu a colaboración de todos porque a identificación e illamento de posibles casos é clave para deter a transmisión do virus. "O Covid-19 é unha enfermidade de declaración obrigatoria, igual que unha tuberculose. Ninguén pode ocultar o virus ou que foi persoa de contacto con outra que si o ten", destacou.

Son polo menos tres os casos diagnosticados en Lugo, unha muller que se contaxiou en Burela e que permanece illada e dous nenos

A maioría dos infectados no brote de A Mariña son pacientes asintomáticos ou con síntomas moi leves e atópanse illados nos seus domicilios, recibindo seguimento médico a distancia. Só dous permanecen ingresados no hospital de Burela. Un é un home de 71 anos que foi hospitalizado o día 23 de xuño, o mesmo no que se declarou o primeiro caso e outra é unha muller, que ingresou por outro motivo e á que se lle fixo a PCR cando un positivo a identificou como un dos seus contactos.

Tamén hai un caso deste brote localizado en Lugo, o dunha muller amiga dunha paciente diagnosticada en Burela, á que visitou recentemente. Está confinada na súa casa, coa súa nai. Ademais, dous nenos están contaxiados na capital lucense.

Aínda que os diagnosticados roldan os sesenta, o brote supuxo que, en total, preto de 600 persoas deban permanecer nas súas casas, xa que o illamento prescríbese tanto aos casos positivos como a aqueles contactos estreitos que dan negativo na proba. O obxectivo é que, se despois desenvolven síntomas da enfermidade e dan positivo, xa estean a manter unha corentena, sen posibilidade de contaxiar o virus a outras persoas.

DESCONFINAMENTO. Como a corentena de 14 días empeza a contar no momento de inicio de síntomas, e non no momento do diagnóstico, hai xa pacientes do brote que acabaron este xoves o seu confinamento e poden volver facer unha vida normal. Trátase dunha quincena de mariñáns.

Á marxe dos afectados por este grupo de casos de Covid-19, tamén se fixeron probas a todos os usuarios de residencias de maiores da comarca mariñá. O segundo cribado xeneral para os residentes comezou poucos días antes de que se declarase o brote e continuou con normalidade. Segundo destacou este xoves o presidente da Xunta na súa intervención fixéronse un total de 1.068 PCRs e todas resultaron negativas. "Están todas limpas", asegurou.

Entre as medidas tomadas ante a declaración deste brote, a Xunta decidiu que en todo o distrito sanitario da Mariña —que se corresponde coa comarca administrativa a excepción do concello de A Pontenova— demorásese a posibilidade de abrir locais de lecer nocturno, como pubs e discotecas e de celebrar verbenas ou feiras. Isto si se pode facer no resto de Galicia desde o pasado mércores e a iso referiuse tamén onte Feijóo. "Sabemos de onde veu o brote, por iso pedimos prudencia no ámbito do lecer, moi especialmente desde que se autorizou a reapertura de discotecas", explicou, á vez que recordaba que "a posibilidade de máis brotes é real".

O virus chega de rebote a Ribadeo
O salto a Asturias do brote xerou este xoves certa polémica política e, ao mesmo tempo, fixo que o virus chegase oficialmente á localidade de Ribadeo, que ata o momento conseguira manterse á marxe desta problemática. Con todo a muller de Asturias cuxo positivo está xa confirmado é unha traballadora dun supermercado ribadense e tamén residente neste municipio, aínda que con cartón sanitario de Asturias, polo que foi atendida no centro de saúde da localidade asturiana de Vegadeo.

NOVO RASTREXO. Isto provocou, como con todos os positivos, o inicio dun novo rastrexo de contactos e unha serie de confinamentos aínda por confirmarse á espera de como evolucione a investigación epidemiolóxica na contorna desta persoa. Polo momento, xa está confirmado que o Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica de Asturias realizará o seguimento de sete contactos estreitos da muller localizados na parte asturiana, aínda que o rastrexo de contactos farase tamén en Ribadeo.