San Cibrao pide un "prezo xusto" da enerxía para garantir a viabilidade de Alcoa 

Baixo unha intensa choiva, veciños e traballadores da planta acudiron á convocatoria

Centenares de persoas concentráronse este luns en San Cibrao para esixir un "prezo xusto" da enerxía que permita garantir a viabilidade de Alcoa e competir con países como Francia ou Alemaña. 

Á concentración, que tivo lugar na Praza dos Campos de San Cibrao, acudiron numerosos veciños e traballadores que encheron cos seus paraugas o lugar para secundar unha protesta que se celebrou baixo unha intensa choiva. 

En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa de San Cibrao, Xosé Paleo, considerou que o Estado debe garantir un "prezo xusto" que permita á industria competir "cos demais países da UE". 

"Esa é a nosa reivindicación fundamental, pedimos un prezo xusto, coas mesmas medidas que teñen outros países da UE", subliñou Paleo, que censurou que España teña a "enerxía máis cara" de toda Europa. 

Así, destacou que aínda que a planta de Alcoa en San Cibrao é "moi competitiva, eficiente e moderna", se o Estado non pon as medidas para facer competitivo o prezo da enerxía, a fábrica está comprometida.

BORRADOR DO ESTATUTO. A través desta protesta, ademais, os participantes esixiron ao Goberno central que faga público o contido do borrador do Estatuto para os consumidores electrointensivos que prepara. 

Respecto diso, recordou que os traballadores coñecen o "primeiro borrador" pero que non saben se este documento "foi modificado". "A nós termínasenos o tempo e non sabemos cales van ser as ferramentas mentres que a dirección di que con este prezo é inviable producir aluminio e a única planta que produce aluminio en todo o Estado é a de San Cibrao, o reto refúndeno", apuntou. 

Comentarios