domingo. 28.02.2021 |
El tiempo
domingo. 28.02.2021
El tiempo

Salgueiro pide ás residencias que "extremen os controis" para evitar outro "erro lamentable"

Demetrio Salgueiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Demetrio Salgueiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
O alcalde de Xove referiuse a confusión na notificación dunha falecida por covid-19

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, emprazou á residencia San Bartolomeu e "a todas as demais" a extremar "as medidas de seguridade e control dos usuarios", despois do erro que levou a notificar o falecemento dunha anciá por covid á familia equivocada.

Así se pronunciou este luns o rexedor, despois de que esta fin de semana transcendese este erro "lamentable". "Podería ser cómico se non houbese unha persoa falecida detrás e que a súa familia está a sufrir as consecuencias desta situación", engadiu Salgueiro. 

En concreto, segundo informou a Fundación San Rosendo, responsable do xeriátrico, a equivocación produciuse a finais de decembro, cando un grupo de 11 usuarios foron traslados desde Xove ata o centro Os Gozos, situado no municipio de Pereiro de Aguiar (Ourense), onde esta entidade conta cunha planta para atender a anciáns con coronavirus. 

Entre os maiores desprazados atopábanse as dúas mulleres, veciñas de Xove, que tiñan asignadas a mesma habitación e, por un "erro de identificación durante o proceso de traslado", o mércores 13 de xaneiro notificouse a morte dunha delas coa identidade equivocada, é dicir, coa da súa compañeira. 

Neste contexto, o alcalde de Xove apuntou a un cambio na documentación durante o desprazamento, no que a ambulancia sufriu "unha avaría", como posible motivo do erro. 

Salgueiro relatou que as dúas mulleres implicadas eran veciñas do municipio. En concreto, a falecida levaba "uns anos vivindo" alí antes do seu ingreso na residencia San Bartolomeu.

"PARECE QUE SE CORTOU A TRANSMISIÓN". En canto ao gromo deste centro, no que aínda hai 20 casos activos –10 de usuarios e 10 de traballadores–, o alcalde confirmou que hai "xa uns días" que non aparecen novos infectados, polo que "parece que se cortou a transmisión do virus".  "O cal é unha boa noticia pero, aínda así, permanecemos en alerta e coa máxima seguridade e revisión diaria para evitar que entre un novo contaxio", dixo. 

"Case a metade de usuarios (140) e traballadores pasaron a enfermidade, pero queda unha parte importante que non a pasou e o risco está sempre aí e hai que extremar as precaucións", engadiu. 

Finalmente, Demetrio Salgueiro aproveitou para enxalzar o ben que están a actuar "os traballadores da residencia" para frear a expansión do foco. "Esperamos que a situación se estabilice e non teñamos novos casos", concluíu o alcalde de Xove.

Salgueiro pide ás residencias que "extremen os controis" para...
comentarios