Sabela Picón: "Foi moi emocionante cando me dixeron que ía ser a raíña"

Esta moza de 27 anos foi elexida raíña do Entroido de Foz para o 2019. É natural da parroquia de Santa Cilla, estudou maxisterio para educación infantil e agora combina o estudo da oposición co traballo nunha tenda en Santiago

Sabela Picón no desfile do ano 2018
photo_camera Sabela Picón no desfile do ano 2018

O Entroido de Foz de 2019 xa ten a súa raiña. Trátase de Sabela Picón Lombán, unha rapaza de 27 anos da parroquia de Santa Cilla. A moza focega tiña moita ilusión e gañas de ser a raíña dunha das festas máis importantes das que se celebran no concello durante o  ano. Presentáronse nove persoas, oito mulleres e un home, e ela saiu elexida.

Que significa para vostede ser a raíña do Entroido focego?

Para min é moi especial. Xa sabes que en Foz vivimos bastante o Entroido. Hai un ano entrei na comparsa As Farangullas e agora serei a raíña do festa xunto a dúas damas de honra, que son Nerea Rodríguez e Lorena Legazpi.

Era a primeira vez que se presentaba?

Non, era a terceira.

Como se enterou?

Pois foi o xoves pasado cando me chamou o alcalde de Foz para decirme que fora seleccionada como raíña do Entroido 2019. Cando te presentas tes que entregar unha carta explicando as razóns polas que o fas e enviar unhas fotos. O rexedor díxome que os meus traballos estaban currados e que disfrutara un montón da experiencia. Que se vía que tiña ilusión por isto.

Tiña esperanza de resultar elexida como raíña?

A ver, tiña moita ilusión, era o terceiro ano que me presentaba. O primeiro e o segundo ano sabía que era moi difícil, pero este ano sabía que tiña máis posibilidades porque era a terceira vez. Foi moi emocionante cando mo dixeron.

Que é o que máis ilusión lle fai dentro dos actos do Entroido de Foz?

O desfile é o día que esperamos todo, pero tamén e moi bonita a cea de coroación, porque é uns dous momentos máis especiais, xa que é o momento no que empeza todo.

Antes de desfilar coas Farangullas, asistía ao desfile como espectadora?

Sí, tódolos anos. Disfrazábamonos un grupo amigas, cuns disfraces moi traballados. Pero logo a miña amiga Nerea veu vivir a Foz e vimos a oportunidade de meternos nunha comparsa, porque para iso tes que ter tempo, xa que hai que ensaiar moito e así levamos dende hai un mes.

Sabe xa como vai ser o seu traxe?

Ideas teño moitas, como xa me presentei varios anos, pero logo tamén depende. Teño pensado as cores que máis me gustan, pero tamén hai que miralas telas.

Que lle dicen a súas amigas e a familia?

As miñas amigas están moi ilusionadas. Unha delas, Celtia Ruiz Neira, xa foi raíña do Entroido no ano 2009, hai xa dez anos. Aínda falamos o outro día e levarei algo especial que me prestará ela. E a miña familia está moi contenta tamén porque sabe que me fai moita ilusión.

Comentarios